
Coñecín a Ramiro Villoch Herrera cando me incorporei ao posto de médico do ISM na Pobra do Caramiñal. Foi por marzo de 1985, eu tiña 28 anos e el era un médico curtido en mil batallas. Non vou esquecer a inestimable axuda dos compañeiros, varios xa non están connosco. Exerceu pois, dúas das mais bonitas profesións que existen: a de médico cos pacientes e, nun sentido profundo, a de mestre para os seus compañeiros.
Don Ramiro foi un pai para nós, polos seus consellos, a súa autoridade, honestidade e empatía. Aportaba a súa sabedoría, antigüidade e os mozos aportabámoslle coñecementos nas novas tecnoloxías. Fomos un dos primeiros centros en ter electrocardiógrafo e historia clínica, avances para os pacientes dos que o doutor Ramiro foi partícipe.
Pese a precariedade con que se traballaba, soubo adaptarse aos tempos, ás malas comunicacións e á distancia dos hospitais. Superou todo impedimento para exercer o traballo. A proximidade cos pacientes, informando das patoloxías nunha linguaxe que se entendía, fuxindo de terminoloxías médicas: trataba con persoas, con enfermos, non con enfermidades.
Vivimos, compartimos situacións anecdóticas, algunha dramática. Un momento clave foi o traslado do persoal sanitario do ISM ao novo centro de saúde, vímonos no medio dun pulso entre administracións (Xunta e ISM) que estaban en mans de diferentes gobernos, despois dunha dura negociación, dou como resultado o que hoxe é o PAC da Pobra.
Don Ramiro amaba a medicina, o mar, a súa vila e á súa familia. Fai uns anos tiven a honra de ser o médico de cabeceira de Ramiro e da súa esposa Purita, foron uns excelentes pacientes e Ramiro un magnífico coidador.
Conservou a lucidez e capacidade de traballo, continuou investigando e publicando sobre as súas paixóns, a heráldica, o vento nas velas e os espellos do océano. Publicou interesantes traballos con ampla documentación, moita inédita, con documentos familiares de varias xeracións, aportando unha visión nova sobre a influencia dos industriais cataláns na nosa comarca desde o século XVIII.
Alá onde estea, permanecerá na memoria dos que tivemos a sorte de compartir traballo e na dos pacientes. Comprender os corpos para comprender a alma, fostes o teu propio vento. A ti, doutor, mestre, amigo… bo rumbo!