A Pobra recupera a memoria de Josefina Blanco no marco das Xornadas de Valle-Inclán

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

A POBRA DO CARAMIÑAL

Cedida

Xeila Iglesias, da cátedra de extensión cultural da USC, encargouse de dar a ponencia

22 oct 2022 . Actualizado a las 17:26 h.

A figura de Josefina Blanco foi o eixo central da conferencia ofrecida no marco das Xornadas Valle-Inclán que teñen lugar na Pobra do Caramiñal. O acto comezou cunha actuación da escola de música e, de seguido, a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, comentou que nesta edición decidiuse apostar pola inserción de novos contidos que permitan coñecer ao literato e a todo canto o rodea dende outra perspectiva.

A técnica do museo, Araceli Abad, introduciu á relatora Xeila Iglesias, membro da cátedra de Extensión Cultural Valle-Inclán da USC. Na súa exposición, Iglesias ensinou ao público artigos xornalísticos que destacaban o talento dunha Josefina Blanco de tan só 5 anos, vaticinando xa o seu futuro no panorama artístico.

Comentou que nisto inflúen os seus parentes máis próximos, dado que seu pai era actor afeccionado e súa tía atriz. Deste xeito, a comezos de 1900 eríxese como unha actriz consagrada, pero sempre adscrita a papeis de muller inxenua.

Forma parte de diversas compañías e nunha representación coincidiu co que se convertería no seu esposo: Ramón María del Valle-Inclán.

Personaxes das súas obras

Durante a ponencia comentouse que Josefina Blanco chegou a poñerse na pel de personaxes dalgunhas das obras de Valle-Inclán.

Sen embargo, tamén se indicou que despois do matrimonio produciuse un parón na súa carreira como actriz. Deste xeito, mergúllase na vida familiar e na axuda ao seu marido na corrección de textos.

Lembrou a relatora que Josefina Blanco retomou a sua profesión cara a 1930, cando inicia os trámites de divorcio. A Guerra Civil interrompe a súa carreira e despois pasou a xestionar o legado de Valle.