Río do Esquecemento

A POBRA DO CARAMIÑAL

29 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos anos 90, nun predio da aldea de Quintáns, na Pobra do Caramiñal, escavouse un antigo cemiterio. Ao dicir dos expertos que realizaron a intervención, tratábase dun camposanto medieval, sen concretar moito máis. Do camposanto de Quintáns non hai ningún informe de escavación en Patrimonio e non se publicou ningún artigo científico cos resultados. Isto, que pode parecer sorprendente, por desgraza é unha tónica máis habitual do que aparece en Galicia. O que sabemos daqueles achados, sabémolo pola prensa da época. E aínda menos mal.

A cuestión é que, por suposto, o sitio non se «descubrira». A xente de Quintáns sabía ben de sempre que estaba alí. Os nenos xogaban a bater para escoitar o oco das tumbas que aínda non colapsaran. E as mulleres, polo que nos contou Encarna de Quintáns, persignábanse ao pasaren ao carón. O outro día foi a mesma Encarna quen nos detallou algo máis, e abraiante. Dicían os vellos que soterraban os mortos máis alá do río —digamos regato— de Quintáns, para que as almas non puideran volver a xunta dos vivos. E mesmo cando o cemiterio foi abandonado, alí enterraban os animais que morrían enfermos porque estes tamén tiñan unha alma que podía volver.

Aos meus 46 anos, nin podía imaxinar que na miña mesma vila aínda se preservaba na tradición oral o antigo mito da Antigüidade, xa contado na Odisea e vivido polo comandante romano Décimo Xuño Bruto cando as súas tropas entraron no noroeste galaico. O río do Esquecemento, o río do Olvido, tamén estaba en Quintáns.