Xeografía humana
«A paisaxe era tamén o seseo e a gheada, o zunido das augas que baixaban do alto da Curota, o son do sacho fendendo a terra fértil, o recendo do bagazo, as cestas enriba do pano á cabeza. O fouciño e o camiñar das zocas das avoas abríndose paso entre a hostilidade e a exuberancia. Xeografía humana. As mulleres traballaban o agro. Só elas. Tamén mantiñan aos animais, facían o xantar e criaban aos meniños. Deseñei as preguntas coidadosamente. Para facer o estudo sobre a sexualidade e a menstruación entrevistei 15 mulleres e 15 homes. Non os escollín ao chou. Nin por idade nin por sexo apreciei reticencias destacables ao falar do asunto.
As mulleres dicían ‘ando mal’ para explicar por que refusaban o marido. Códigos lingüísticos. Anotaba as respostas nun caderno de campo. Non dispoñía de gravadora. Saíron ‘esas cousas’. As prohibicións: non tocar plantas, non recoller froitos, non pisar as uvas. O sangue menstrual queima a vexetación, esteriliza os campos. As imprudencias páganse.