A Pobra dedícalle de novo outubro ao escritor Valle-Inclán

A POBRA DO CARAMIÑAL

cedida

O teatro terá un peso principal e dous dos espectáculos desenvolveranse no exterior da Torre de Bermúdez e no adro do Castelo

06 oct 2021 . Actualizado a las 14:11 h.

Como ven sucedendo ao longo dos 23 últimos anos, A Pobra dedícalle o mes de outubro ao creador do esperpento. O amplo e variado abano de actividades confeccionado para a ocasión arrancará mañá coa apertura da exposición de pintura Valle-Inclán ilustrado, de Pedro Castro Couto. A inauguración coincidirá coa estrea do romance de cego Don Pedro Bolaño, un texto de Valle e Pedro Castro. Será ás 20.00 horas na casa de cultura.

A vertente pictórica terá continuidade o 22, que será cando se abra ao público, no museo local, a exposición conmemorativa Ramón del Valle-Inclán. Convidado especial da República de México, pertencente aos fondos de Xaquín del Valle-Inclán.

Nas xornadas terá un peso especial o teatro. Neste caso, a primeira das citas está fixada para este sábado. Correrá a cargo da asociación Eiradela, que converterá os exteriores da Torre de Bermúdez nun particular escenario para interpretar Delicias literarias. As táboas do Elma recibirán o 16 a Tatana Teatro, que representará Ouróboro. O retorno de Luces de Bohemia; mentres que o 23 serán os rianxeiros de Airiños os que visiten A Pobra para ofrecer unha lectura dramatizada baixo o título Galicia e Valle-Inclán.

Tatana regresará o 29, nesta ocasión co espectáculo Los cuernos de don Friolera (1921). E o 30 serán os arredores do adro do Castelo os que sirvan de escenario para que Teatro En Punto represente Palabras en pedra.

O programa das xornadas inclúe funcións teatrais específicas para o público escolar, que correrán a cargo de Títeres Cachirulo.

Charlas e ofrenda

No que ás conferencias se refire, neste ocasión hai programada unha a cargo de José Antonio Ponte Far para o 15, que versará sobre o pazo na obra literaria de Valle-Inclán, Pardo Bazán e Torrente Ballester; e outra para o 22. O neto do creador do esperpento, Xaquín del Valle-Inclán, falará da estancia do seu avó en México.

Como vén sendo habitual, o programa completarase cunha ofrenda cívica xunto ao monumento do Cantón da Leña. Desenvolverase o 29, ás 13.00 horas, e estará animada por Os Caraveiros.

Trátase dun abano de actos que, tal e como explicou o director do Museo Valle-Inclán, Antonio González, ten como finalidade «recuperar o ronsel valleinclaniano». Na importancia de potenciar a figura do escritor insistiu tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que asistiu á presentación das xornadas. Pola súa banda, o rexedor local, Xosé Lois Piñeiro, destacou as innovación que tratou de imprimírselle ás xornadas, referíndose ás dúas sesións teatrais que se farán na rúa.