16 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando José Carlos Vidal e máis eu comezamos a organizar as xornadas A Pobra do Caramiñal no tempo, xa viñamos dunha longa tradición de asistir, participar e organizar xornadas de cultura e historia local.

Organizar un evento deste tipo nunha vila é unha marabilla: adoita haber moitos asistentes, de xeracións e intereses ben distintos, que enchen as salas. E dígolles eu, que vivo en Compostela, que nos eventos culturais das vilas hai moitas veces moito máis interese que nesta cidade, que se supón tan culta e tan universitaria. E non crean que é por saturación da oferta, non nos autoenganemos.

Aínda que moitos digan o contrario, este é un país con fame de cultura, con gañas de aprender e saber. E todos debemos contribuír da nosa parte creando as condicións para encher esa fame. Por exemplo, as xornadas celébranse o sábado pola tarde para facilitar que o maior número de persoas poidan asistir se queren. Para nós é unha ledicia, por exemplo, ver a moitas mulleres maiores que acoden cheas de curiosidade e que, se cadra, non o farían noutro momento da semana.

As xornadas celebraranse o vindeiro sábado 25 de setembro, unha semana despois do Nazareno, e están convidados a participar. Fico cunha anécdota da pasada edición, en plena pandemia. Transmitiamos por streaming. Falei sobre lendas da vila. Unha vella escoitaba na casa, comentáballe cousas á filla que estaba ao carón, que llo transmitía por Whatsapp á neta que estaba connosco no auditorio para que me preguntase. Hai cousa máis bonita?