Lois Oreiro proxecta a mirada no futuro con «Os mundos de agora»

lA VOZ RIBEIRA / LA VOZ

A POBRA DO CARAMIÑAL

DAVID COSTAS

O xornalista reflexionou na Pobra sobre o impacto da tecnoloxía na sociedade

28 ago 2021 . Actualizado a las 19:43 h.

O auditorio do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal converteuse durante a noite do venres nunha porta ao futuro e aos cambios que está a experimentar a sociedade da man das novas tecnoloxías. Fíxoo da man do xornalista Lois Oreiro, que presentou o seu libro Os mundos de agora, ensaio que reflexiona tamén sobre o tratamento dos datos persoais na rede, os hábitos de consumo e a frecuencia e necesidade de contido dixital.

«Temos a vista presa na pantalla do móbil e presenza dixitalizada», explicou o xornalista, que destacou que en moitas ocasións incluso se deixa de vivir o presente para retransmitilo a través das redes sociais: «Existe a necesidade de conectividade total e completa, aínda que non haxa contido nin información. Non é o mesmo transmitir que vivir».

Tamén participou no acto o neurocientífico Xoán Castro Rivadulla, vinculado ao veciño municipio de Ribeira, e que definiu o ensaio como «atrevido, moi pensado, traballado e argumentado». O experto afirmou que os mundos de agora son complexos, pero «igual polo comportamento humano máis que pola tecnoloxía». Do que se falou, e moito, durante a presentación foi de como os algoritmos das grandes empresas tecnolóxicas se anticipan aos movemento das propias persoas, mostrándolles que comprar, onde facelo e cando rematar a transacción.

Sobre ese tema, foi Rivadulla o que mostrou unha versión menos común de como abordar o fenómeno: «O algoritmo é unha representación da sociedade na que vivimos. O algoritmo non é o problema, somos nós».

Máis voces

No acto estiveron o rexedor local, Xosé Lois Piñeiro, así como o concelleira de Cultura, Patricia Lojo, que afirmaron que o libro abre un debate moi interesante, intrigante e que se pode constatar na publicidade personalizada que amosan as redes sociais os seus usuarios.

Por parte de Barbantia, tamén impulsora da presentación, valorou a cita literaria o seu presidente, Manuel Cartea, quen afirmou que «foi moi interesante participar nun acto sobre un tema tan actual e tan polémico como as novas tecnoloxías, que son algo de futuro, pero que xa estamos vivindo no presente».

O directivo da asociación cultural destacou que o debate, unha vez rematada a presentación, foi moi vivo, e que arroxou máis «preguntas que respostas. Foi moi animado, o público quixo ser partícipe tamén».

Dende Barbantia destacaron que a previsión era non celebrar ningún acto durante o mes de agosto, aínda que a cultura, logo de tantos meses parada, pide paso. Incluso para valorar o mundo que está deixando a tecnoloxía, como analiza Lois Oreiro nese «Os mundos de agora», que xa debutou en A Pobra.