Saberes xubilados

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

A POBRA DO CARAMIÑAL

15 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte este xornal publicaba as destrezas do señor Manuel Martínez Rodiño, maquetista da Pobra do Caramiñal que recrea no seu obradoiro de xeito delicado e preciso edificios emblemáticos do municipio. Todos sabemos que non é o único. Nas casas gárdanse marabillas das que non somos conscientes porque non é doado ver o conxunto. Son pequenos museos domésticos nos que amadores de todo interese producen coas súas mans obxectos de arte popular, maquetas, ferramentas, atesouran recordos da súa profesión ou recollen memorias dalgunha paixón que lles acompañou toda a vida.

As xubilacións, cada vez máis prolongadas e activas, axudan a que esta xente poida continuar cunha afección durante décadas, como unha especie de nova vida laboral só guiada polo camiño do coleccionismo ou da curiosidade. E se son mariñeiros, as xubilacións máis temperás aínda favorecen máis todo isto. Xa saben que o tempo é a materia máis valiosa nunha época na que cada un dos pasos da nosa vida laboral está cronometrado: toda esta xente está disposta a que non se desaproveite nin unha pinga.

É xusto desde aquí recoñecerlles o seu inxente traballo. Os investigadores hoxe en día están atados nas súas carreiras de investigación. E a xente nova busca temas de investigación modernuquis. É esta xente a que mantén a palabra e a memoria de vellos oficios, de nacementos e bautizos, de palabras desaparecidas, de saberes mecánicos e agrarios, de arquitecturas cotiás. O gran desafío é como preservar o seu traballo para o futuro.