Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Historias inéditas

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

A POBRA DO CARAMIÑAL

17 sep 2020 . Actualizado a las 05:05 h.

Preparando unha conferencia que impartirei dentro dun par de meses sobre as lendas da Pobra do Caramiñal reparei en que as historias que primeiro desaparecen son sempre as máis estrañas, ou as que ninguén escribiu previamente.

Hai moitísimos anos, en Palmeira, unha muller de Bealo faloume da «xente pequena». Basicamente, un tipo de encanto que habitaba por detrás das fontes ou das pedras fermosas. Cando volvín a Compostela pregunteille por esta xentiña á miña profesora de Antropoloxía. «Non están documentadas en publicacións», díxome, e pasou a outra cousa. Se non se podía citar a un autor previo, non valía. Non vaia ser que digan que o inventas. A redución da biodiversidade parece afectar tamén ao imaxinario. E, deste xeito, conforme as lendas van desaparecendo, fícanos un monocultivo de mouros. E estou seguro que antes iso non era así. O outromundo era un fervedoiro de razas imaxinarias.

Poño como exemplo outra historia fermosa. Esta contábama o meu avó. Baixo o Barbanza había un enorme pozo, un pozo sen fondo. E no fondo do pozo (si, marabillosa contradición, pero que sería un conto sen elas?), medraba unha pereira coas follas e as peras de ouro. O día no que a pereira seque, todo o Barbanza estoupará e as terras se anegarán.