Perigosa tendencia

A POBRA DO CARAMIÑAL

23 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Debido a que os datos oficiais son escasos, e porque aínda hoxe numerosos roubos de patrimonio cultural continúan sen ser denunciados, resulta difícil saber o que está ocorrendo. Porque a primeira impresión é que nos últimos meses volve a haber unha intensa vaga de roubos de patrimonio cultural por todo o país. A visibilidade mediática e nas redes dos casos pode levarnos a un espellismo, pero case parecería que estamos de volta nos 70 ou 80, cando o mercadeo de arte popular galega era escandaloso e tiña a complicidade de moitos.

Pero máis alá das tendencias, o certo é que cada caso particular resoa de xeito preocupante. Esta pasada fin de semana dábase a alarma da desaparición dunha pía medieval do exterior da igrexa dos Ánxeles, en Brión, e onte mesmo o director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, Antonio González Millán, avisaba do roubo dunha figura de San Xoán Bautista dun inmoble da rúa San Lázaro, na Pobra. Un dos casos máis rechamantes, coñecido a finais de decembro, foi o roubo (con escavadora) de dúas laxes enteiras con petróglifos en Rubiós (As Neves, Pontevedra).

Todas estas pezas teñen en común que son obras de arte que están colocadas en lugares públicos, accesibles e sen vixilancia. Pero sospeito que poden ter algo máis en común que aínda non entendemos de todo. Son caprichos de particulares que responden a unha nova moda, rateiros que rapinan na expectativa de vender estas pezas nos novos mercados dixitais, encargos baixo demanda? O que si sei é que hai que tomar isto moi en serio.