O BNG suspende ao goberno de Nós Pobra e PSOE

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

A POBRA DO CARAMIÑAL

P. B.

O Bloque extrae un balance negativo da xestión municipal do 2019 e advirte que seguirá vixiante

23 dic 2019 . Actualizado a las 18:26 h.

Un suspenso ao «desgoberno». Esta é a cualificación que o BNG da Pobra lle pon, ao remate de ano, ao executivo pobrense neste 2019. Os edís nacionalistas Amparo Cerecedo e Xabier Santos conduciron esta mañá un acto no que fixeron balance, tanto da xestión municipal do executivo como dos cambios institucionais producidos no seo da agrupación local do BNG, tralo relevo dos anteriores concelleiros, Ramiro Oubiña e Manel Casal, que asumiron responsabilidades polos resultados electorais do 26-M.

Neste senso, a voceira do Bloque pobrense recoñeceu que nos últimos meses non puideron realizar todo o traballo que quixeran cos veciños, xa que estiveron condicionados pola «irresponsabilidade do goberno de Nós Pobra e PSOE, pois o tempo estivo absorbido pola convocatoria de ata tres plenos extraordinarios».

Precisamente, sobre ese punto e a última das sesións plenarias foron especialmente críticos os nacionalistas ao afirmar Cerecedo: «Reflicte moi ben o que é o carácter deste goberno». Nese pleno o Bloque presentou unha iniciativa para engadir ás actuacións do POS+ 2020 a recuperación do Camiño Real de A Ribeiriña e a creación dunhas instalacións para mellorar as condicións laborais dos pescadores e mariscadores, unha actuación que, indicaron, a súa primeira fase xa fora aprobada a cargo do remanente do 2017 sen chegar a executarse.

Camiño Real da Ribeiriña

«Despois de xuntas de voceiros nas que só nos ensinaban papeis con proxectos, acéptase o arranxo que propuxemos para o camiño [Real]», explicou Amparo Cerecedo, sinalando que para dar o seu apoio á proposta do goberno era obrigatorio que estivera garantida a creación das instalacións para os traballadores, no prazo dun ano e que estivese asinado por escrito, tanto por Nós Pobra como polo PSOE.

Dende o BNG precisaron que solicitaron unha entrevista persoal co rexedor, pero ao final acabaron recibindo un comunicado da asemblea de Nós Pobra na que rexeitaban a actuación presentada polos nacionalistas, indicando que xa estaban traballando nesa liña. «Todo isto, sumado a que nos convocaron ao pleno ás 11 menos cuarto da noite anterior e que faltaba documentación sobre unha obra de titularidade privada -a sinatura do convenio de conformidade cos residentes da praza Manuel Escurís», anotaron, para lembrar que están sen executar todas as obras dos POS dende o 2017 -coa excepción dunha dese mesmo ano-.

A conclusión

«Para poñer no Facebook todas as obras que vas facer, goberna calquera, pero a cuestión é resolverlle os problemas aos veciños», resumiron os concelleiros do BNG, para sinalar que, pola contra, si están satisfeitos co traballo realizado pola organización nacionalista nesta última etapa e ratificaron o seu compromiso de seguir traballando a prol da veciñanza e fiscalizando a labor do goberno municipal «aínda que nos teñan que dar o piche a nós para botalo».

«Coa moción da Ribeiriña conseguimos tanto que se aprobe con cargo ao POS como ao remanente. No tema dos mariscadores conseguimos un acordo despois dun pleno maratoniano e que publicamente, figure na acta do pleno o que vai buscar financiamento e que todas as forzas políticas estén incluidas no proxecto. A moción que presentamos para garantir os medios humanos na Policía Local foi aprobada por unanimidade», relatou Cerecedo, a modo de aval.