O BNG acusa a Nós Pobra de «comportamento antidemocrático»

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

A POBRA DO CARAMIÑAL

MARCOS CREO

Os nacionalistas rexeitan que se convocase un pleno extraordinario, esta tarde ás 20.30 horas, para «aprobar pola porta de atrás os salarios da concelleira de obras e o do persoal eventual»

01 oct 2019 . Actualizado a las 16:50 h.

A agrupación local nacionalista cargou contra Nós Pobra -formación que lidera o executivo municipal-, acusando de manter un «comportamento antidemocrático». O Bloque alude ao feito de que se convocase un pleno extraordinario, que terá lugar hoxe ás 20.30 horas, «co único obxectivo de aprobar pola porta de atrás, de xeito espurio, os salarios da concelleira de obras e a persoa -e o salario- para o persoal eventual». Neste senso, a formación lembra que «a renuncia dos dous concelleiros do BNG dáballe unha temporal maioría ao seu goberno diante do PP». Ademais, o Bloque pobrense tamén sinalou a «complicidade necesaria» do PSOE.

Os nacionalistas incluso rememoran que tiveron conversacións coa formación que lidera o rexedor Xosé Lois Piñeiro para fomar un goberno de coalición «que fose quen de de pensar e realizar todas as obras e necesidades que a nosa vila ten», pero nunca, «e isto quere dicir nunca, aceptou que os cartos do Concello serviran para contentar egos e manter contentas ás faccións que forman a asemblea de Nós Pobra». Deste xeito, o BNG volve a reclamar que «os criterios que debían servir para escoller ao persoal eventual que coordina un goberno de coalición, tripartito, tiñan que ser profesionais e, dende logo, de consenso».

Por outra banda, os voceiros nacionalistas destacan que «por boca da concelleira sra. [Charo] Varela e do señor [Xosé Lois] Piñeiro, escoitamos, soubemos, que o posto tiña que ser para 'un referente de Nós Pobra', ou sexa, para pagar favores e lealdades».