As hipotecas

José Rodríguez Cabeza

A POBRA DO CARAMIÑAL

13 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña caseira na Pobra do Caramiñal, Encarna, tería despachado a polémica do agora alcumado imposto ás hipotecas con esta aseveración: «Pepe da Estrada, quedou como estaba». A priori sería suficiente argumento se non fose pola retranca que hai detrás, pero convén que saibamos como afectaba aos veciños de Barbanza-Muros-Noia. A Xunta ten establecido o tipo máis alto permitido do 1,5 %, se ben queda reducido no 1 % tratándose de familias que non teñan un patrimonio superior a 200.000 euros máis 30.000 euros adicionais por cada fillo ou do 0,5 % cando o comprador sexa unha persoa con discapacidade funcional física, psíquica ou sensorial. E agora?

Coincidindo coa opinión xeral de que o que non vai en bágoas vai en suspiros, o que pretende Sánchez co Real Decreto Lei 17/2018, de 8 de novembro é, aproveitando o estado de ánimo da xente, simular un castigo á «maldita» banca en amparo dos máis febles. Non sería estraño que nos sorprendese coa aplicación da lei hebrea que se describe no Deuteronomio, segundo a cal cada sete anos é obrigado perdoarlle as débedas aos debedores, sempre e cando sexan dos da túa corda!

O máis grave desta farsa está na orixe. Unha liorta ideolóxica provocada dentro dun dos poderes máis importantes nas democracias, o xudicial, por iso os réximes comunistas e totalitarios comezan sempre por neutralizalo para substituílo, como tamén o fixo Franco en 1963, no que se coñece como o segundo franquismo, cos tribunais de orde pública, para que a función dos grises fose eficaz e rápida, porque Franco tampouco era, precisamente, un liberal.