Malores Villanueva: «O proxecto de escrita de Anxo Rei Ballesteros levedará co paso do tempo»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

A POBRA DO CARAMIÑAL

MARCOS CREO

Asegura que o autor ten unha das obras máis complexas da narrativa galega

23 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A editorial Galaxia vén de publicar Dezanove badaladas, a primeira novela que escribiu Anxo Rei Ballesteros. O escritor de Boqueixón que residiu parte da súa vida na vila pobrense tiña só 17 anos cando lle deu forma á historia de Nolo, un mozo que cambia a aldea pola cidade compostelá á procura dun futuro mellor. Malores Villanueva encargouse da edición desta obra.

-¿Como xurdiu a idea de rescatar da sombra esta novela de Rei Ballesteros?

-Galaxia ten unha serie de coleccións dedicadas ás grandes figuras literarias, e unha delas é a Biblioteca Anxo Rei Ballesteros. Dezanove badaladas é o terceiro libro que ve a luz no marco desta serie. O orixinal foi facilitado pola súa viúva, que tamén tiña interese en que vise a luz.

-¿Cal foi a súa misión neste proceso?

-O que facemos normalmente os editores é, de acordo co autor, ir comentando diferentes aspectos da obra para melloralos. Neste caso, por razóns obvias, o papel do editor quedou minguado e do que se tratou foi de manternos fieis á obra orixinal, mesmo se recollen notas que el ía plasmando. Ás veces poñía «a isto hai que darlle unha volta», consciente de que o texto estaba sen finalizar.

-Cando o texto orixinal chegou ás súas mans, ¿con que se atopou?

-É unha novela de iniciación, con todas as eivas que iso supón, pero tamén con toda a proxección de futuro que tiña por aquel entón Anxo Rei Ballesteros. Neste libro avánzanse moitas das liñas argumentais da obra posterior e nese sentido é un volume moi interesante. Hai unha serie de fíos que el vai desenvolver ao longo da súa obra futura.

-¿Cales son eses fíos que caracterizan posteriormente a obra do escritor?

-Anxo Rei conta nesta novela algo que estaba a acontecer en Galicia nos anos 1969 e 1970, que era o cambio na configuración do país e a perda da importancia das aldeas en favor das cidades. O protagonista, Nolo, marcha da súa aldea para Compostela e co primeiro salario vive unha noite de esmorga. Pero nese percorrido polas rúas, o soño urbano convértese nun pesadelo. Esa viaxe na noite é unha metáfora da propia existencia, unha reflexión que está moi presente na obra de Ballesteros.

-¿Que opinión lle merece en xeral a obra deste autor?

-Rei Ballesteros ten un dos proxectos novelísticos máis complexos e ambiciosos da narrativa galega. É un escritor polifacético, con novelas, teatro, ensaio e relato curto, un autor que tocou moitos paus. Concibía a escrita coma un proxecto ambicioso e persoal, algo que se traslada á súa obra.

-¿É quizais un escritor ao que non se lle concedeu o recoñecemento que se merece?

-Probablemente. É certo que ten un proxecto de escrita non continuado, polo menos de maneira presencial, e iso puido influír. Seguro que estaba creando todo o tempo, pero desde que publicou a primeira novela, Dos anxos e dos mortos, no ano 1977, ata que sacou á luz a segunda, Loaira, pasaron 15 anos. Ademais, tampouco tivo unha presenza pública importante e iso tamén repercutiu seguro na súa proxección cara o exterior. O que si podemos afirmar é que, sen dúbida algunha, o proxecto de escrita de Anxo Rei levedará co paso do tempo, porque é unha novelística complexa e moi ambiciosa. A súa literatura medra cada vez que nos achegamos a ela.

-¿Considera entón que é merecedor dese recoñecemento co Día das Letras Galegas que se reclama para el desde A Pobra?

-Por suposto, é un narrador con maiúsculas. Cumpridos os dez anos do seu pasamento, seguro que os académicos o valorarán nalgunha ocasión para esa distinción. Por sorte, o país ten moitos escritores merecedores dese recoñecemento, pero o que está claro é que Anxo Rei se atopa entre eles.