Badaladas na memoria do mozo Anxo Rei Ballesteros

A POBRA DO CARAMIÑAL

Barbantia, Galaxia e Concello da Pobra reivindican a excepcionalidade dunha figura clave das letras galegas

19 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Anxo Rei Ballesteros ten moito que ver coa Pobra, porque si ben é certo que naceu en Boqueixón e estivo moi vinculado a Santiago, non o é menos que no Caramiñal comparte vila de adopción ?non oficial? con Valle-Inclán, porque nela residía ata o seu pasamento hai dez anos, polo que había unha certa débeda con el que comeza a ser pagada.

Antonte empezou a facerse xustiza con el, coa presentación do libro inédito Dezanove badaladas, editado por Galaxia, e que se considera a primeira obra de Ballesteros, aínda que Chus Armada precisou que foi o primeiro libro en galego de Anxo, porque ela mesma atopou, entre os papeis do escritor, outras obras en castelán anteriores a esta. Armada tamén destacou a colaboración de Maribel, que fora muller de Ballesteros, aportando fotos, e de Manolo Castelao á hora de preparar a novela.

Obra e figura

Foron Malores Villanueva, en representación de Galaxia, e Suso Laíño, por Barbantia, os que afondaron na obra e na figura de Rei Ballesteros. Villanueva lembrou que a maior parte da súa obra saíu do prelo de Galaxia. Parafraseando a Herminio Barreiro, dixo que o recordar doe, pero é necesario para non esquecer a persoas que botas en falta. Por outra banda, falou da iniciativa de pedir o Día das Letras Galegas, para engadir que a mellor homenaxe que pode ter unha persoa é ser recoñecida alí onde estivo.

Villanueva subliñou que sempre que Barbantia a convida a un acto, non pode dicir que non, porque é «a nosa casa», e engadiu que xa percorrera todos os concellos da bisbarra.

Xesús Laíño agradeceu a Galaxia, ao Concello da Pobra, a Siro López e La Voz de Galicia que colaborasen con Barbantia na homenaxe a Rei Ballesteros. De seguido, fixo un percorrido pola obra do escritor, situando a elaboración de Dezanove badaladas na súa adolescencia, o que para el evidencia a grandeza de Rei Ballesteros, que sendo tan mozo tivera a capacidade de escribir un libro que Laíño non dubidou en situar na triloxía das grandes obras de Ballesteros, é dicir, xunto a Dos anxos e dos mortos e Loaida, porque teñen o nexo común de Compostela, cidade tamén moi influínte na vida e na obra do escritor, aínda que Dezanove badaladas é máis fácil de ler.

Laíño destacou a riqueza lingüística e de pensamento que se conclúe da obra «sorprendente nun rapaz daquela idade. É unha novela de aprendizaxe. Dunha noite de esmorga, dun mozo que se está a abrir á vida», engadiu. Para rematar, felicitou a Galaxia por editala e recomendou ao auditorio a súa lectura.

O alcalde de A Pobra, Xosé Lois Piñeiro, lembrou que coa homenaxe a Ballesteros «cumprimos un mandato plenario». Anunciou que seguirá adiante para nomealo fillo adoptivo e lembrou que o 28 inaugurase a rúa co seu nome.

Cris Román puxo a nota musical, na que chamaron a atención dous temas con letras de obras de Valle-Incán e Ballesteros.