O escritor Carlos Mosteiro xa conta cunha rúa na Pobra

A súa viúva foi a encargada de descubrir a placa nun emotivo acto

A.G.
ribeira / la voz

As primeiras Xornadas de Literatura Infantil Carlos Mosteiro continuaron na mañá de onte na Pobra do Caramiñal. Despois de que o venres Patricia Mallo se levase o Premio de Literatura Infantil realizado na honra do escritor, o primeiro acto do segundo día tivo lugar nos xardíns Valle-Inclán. Alí, un obradoiro de ilustracións foi o reclamo de infinidade de nenos, que puxeron a proba a súa habilidade. Ao longo da mañá, os pequenos tiveron a oportunidade de facer a súa particular homenaxe ao antigo profesor do colexio Pilar Maestú.

Logo, ás 13.30 horas, realizouse o acto principal, onde a súa familia e o alcalde destaparon a placa dunha rúa que a partir de agora levará o nome do mestre, escritor e veciño pobrense. Despois de que os operarios realizasen os axustes necesarios, compareceron os protagonistas da presentación. O alcalde, a concelleira de Cultura, familiares, compañeiros e amigos tiveron cabida na ata agora travesía Fernández Varela, que agora é rúa de Xosé Carlos Mosteiro Fraga.

No horario previsto, xa todo estaba preparado para que a inauguración da rúa dese comezo. «Este é o lugar onde Carlos viviu e formou á súa familia. Estamos moi satisfeitos de que hai uns meses se acordase por unanimidade denominar a unha rúa da localidade co seu nome. Así, agardamos que este perdure no tempo acorde coa súa importancia para a vila», declaraba a concelleira de Cultura pobrense, Genoveva Hermo, primeira en tomar a palabra.

Emotivo acto

Despois, chegou a quenda do alcalde, Xosé Lois Piñeiro, que recalcou a alegría que lle producía a concordancia política que rodeou a proposta e, logo de dedicar unhas bonitas verbas ao escritor, dou paso á muller de Carlos Mosteiro, Lourdes. «Quero agradecervos a todos os presentes o incrible cariño recibido», concluíu a viúva. Acto seguido, tanto ela como a súa filla procederon a descubrir a placa mentres os gaiteiros facían sonar o himno galego, tocado polo grupo gaitas Xiada.

Durante o acto, os presentes puideron observar de primeira man o afecto que a localidade sentía polo mestre, falecido hai un ano. Lágrimas e acenos de orgullo cubrían os rostros de moitos dos veciños que renderon unha última mostra de afecto ao que fora o seu amigo, compañeiro ou mestre, cuxo recordo perdurará xa para sempre na localidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

O escritor Carlos Mosteiro xa conta cunha rúa na Pobra