Benxamín Garrido: Un loitador a piques de renderse

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

A POBRA DO CARAMIÑAL

MARCOS CREO

Despois de 25 anos vendendo cupóns, vese incapaz de seguir polos roubos sufridos

08 ene 2018 . Actualizado a las 09:29 h.

Hai persoas que, practicamente desde que nacen, teñen que enfrontarse a un futuro repleto de obstáculos. No caso do pobrense Benxamín Garrido, o glaucoma conxénito que o deixou sen vista cando chegou ao mundo propiciou que a súa vida non fora precisamente doada. Pero lonxe de renderse, optou por plantarlle cara ás adversidades. Desde mozo tivo claro que quería sentirse útil, desempeñar un traballo que lle permitira obter ingresos e tratar así de que o seu día a día se asemellase ao da xente do seu redor. Conseguiuno. De feito, a ONCE vén de distinguilo polos 25 anos que leva en activo.

Son varias as datas que Benxamín Garrido ten gravadas a ferro na súa memoria. A primeira, o 16 de marzo de 1992. Tiña 18 anos e facía seis meses que rematara os estudos cando, aquel día, se convertía en vendedor da ONCE: «Para min foi moi importante empezar a traballar. Tiven dificultades, claro que si, pero sempre as fun superando, supoño que coma todo o mundo». Aínda que a súa etapa laboral empezou a cobrar forma na cidade compostelá, catro anos despois trasladouse á Pobra, para ocupar a praza dun compañeiro que se xubilara: «Foi o 21 de outubro de 1996», lembra.

Atendendo primeiro o despacho situado ao lado da vella praza de abastos e, xa nos últimos anos, un posto preto do centro social, Benxamín Garrido fixo un feixe de amigos. Asegura que o vínculo establecido cos seus clientes é o mellor que lle queda da súa traxectoria laboral. Engádelle, sen lugar a dúbidas, os tres premios que concedeu: «O primeiro foi o que me fixo máis ilusión». Levaba un par de anos vendendo cupóns e lembra á perfección o número galardoado, o 92151, co que incluso estivera a piques de quedarse: «A min sempre me gustou o 69 e aquel día mercara dous boletos desa terminación. Tiven a tentación de coller un terceiro cando o tiven na man, pero non o fixen por considerar que era xa moito gasto. Foi o que tocou».

A aquel primeiro premio seguíronlle outros dous, xa na Pobra, nos anos 1999 e 2000: «En todos os casos, recibir a noticia de ter vendido o cupón premiado é unha satisfacción». E, aínda que Benxamín Garrido tenta con certa frecuencia á fortuna, a sorte a el nunca lle sorriu: «Algo hai que mercar, que non se diga que na casa do ferreiro coitelo de pau».

Vítima de dous roubos

Si lle tocou a outra lotaría, a mala, a de ser o obxectivo dos vándalos nun par de ocasións. Foi no ano 2016 cando, por dúas veces, lle arrancaron a carteira cando ía para a casa. Aínda que pasou o tempo e, nun dos casos, as forzas da orde mesmo conseguiron dar cos ladróns, o pobrense nunca volveu sentirse seguro: «Desde aquela non fun quen de volver a traballar, síntome inseguro e impotente, porque penso que poden darme un mal golpe de deixarme no sitio».

Tal é a situación que, aínda que lle quedarían sete anos para xubilarse, Benxamín Garrido só pensa en obter a incapacidade para non ter que regresar ao seu posto: «Mesmo teño medo de saír só da casa, aínda que sexa para ir tomar algo ou dar unha volta pola vila. É coma se perdera a confianza en min». Pensa que, en parte, o incremento que percibe de delincuentes pode estar vinculado á diversificación de produtos por parte da propia ONCE: «Sacaron boletos de xogo activo e premios instantáneos que, baixo o meu punto de vista, son máis aditivos».

Regrese ou non ao seu despacho, o pobrense ten claro que quere loitar polos intereses do seu gremio, ao considerar que a inseguridade é a gran ameaza: «Gustaríame legalizar unha plataforma contra a delincuencia, é un dos retos que me marquei para este 2018». O outro nada ten que ver con este. Pasaría por conversar coa televisiva María Patiño: «Son fan dela desde hai moito tempo».