Xosé Lois Piñeiro: «A nosa obriga é acoller a calquera veciño que se atope na rúa»

Antón Parada RIBEIRA / LA VOZ

A POBRA DO CARAMIÑAL

CARMELA QUEIJEIRO

O rexedor puxo sobre a mesa as medidas de emerxencia social e anunciou obras como un novo polideportivo

21 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O mandatario pobrense, Xosé Lois Piñeiro, foi o invitado de onte na sección Cita co Concello de Radio Voz Barbanza, un programa marcado pola recente aprobación dos proxectos e inversións do Plan Único da Deputación coruñesa. O rexedor abordou varias actuacións desbloqueadas e presentou outras novas. Falou tamén das medidas de emerxencia social en curso, polas que o Concello dá acubillo a un veciño.

-¿Están satisfeitos co acordo logrado para o POS+ 2018?

-Si, é a primeira vez que se aproba de forma doada, con acordos previos con outras forzas. As obras son todas moi necesarias, pero unha delas é importante porque levaba anos pendente de realizarse: a creación dun módulo cuberto de atletismo para a o campo da Alta. Todos os grupos estaban de acordo e temos distintos clubs deportivos que destacan, como é o de atletismo.

-¿Sumarase a reforma das gradas da Alta a esta obra no 2018?

-Se todo sae ben, para cando remate o mandato esta instalación contará co novo módulo, unhas gradas en condicións e a cabina para os xuíces. Ademais, temos o acordo dos propietarios do cámping para ampliar o campo de atletismo da Alta. Queremos facer dous bancais, un para o concello e outro para o cámping, que permitiría replantar as árbores que se cortaron por risco de desprendementos. Pero é unha solución a moi longo prazo.

-¿Que proxectos considera irrenunciables?

-Presentamos varios proxectos que ían ser financiados mediante un crédito bancario e algúns non recibiron apoio da oposición, coma os arranxos de pistas e estradas e o centro de acollida de animais. Nos orzamentos do 2018, destinaremos unha partida importante a melloras viarias e presentaremos de novo a canceira.

-¿Houbo avances para lograr unha gardaría municipal?

-Temos previsto adquirir unha parcela que tentaremos poñer a disposición da consellería, para que dependa do Consorcio Galego de Benestar, pero non descartamos a xestión municipal. O terreo estaría nas inmediacións da piscina e tería dúas virtudes: potenciar o uso desta instalación e favorecer aos pais que teñan outros fillos no colexio Salustiano Rey Eiras. Tamén temos un proxecto para mellorar os accesos, así como crear 50 prazas de aparcamento. Xa falamos con Urbanismo e temos unha reunión a finais deste mes.

-A maiores do citado, ¿teñen algún novo proxecto en mente?

-Queremos cubrir unha necesidade básica do concello, que é a de ter unha nave para a brigada de obras en perfectas condicións. A nosa idea é utilizar o polideportivo da Tomada, que dá moitos problemas de contaminación ambiental e non reúne as mellores condicións posibles. Evidentemente, implicaría a compra de terreos para un novo pavillón. Estamos estudándoo.

-O Concello acubilla a un veciño na unitaria do Camiño Ancho...

-Non é a primeira vez que o Concello acubilla a unha persoa en situación de risco de exclusión social. Previa disposición a seguir unhas directrices ineludibles -como non consumir drogas, asistir á Unidade de Atención a Drogodependentes ou non reincidir en delitos-, decidimos darlle aloxamento. A nosa obriga é acoller a calquera veciño que se atope na rúa. Non podemos xulgar se o merece ou non, xa o fixeron os xuíces que o condenaron e todos temos dereito á asistencia social.