Xosé Lois Piñeiro: «É o momento de levar a cabo os grandes plans que presentamos»

a. parada, a. novo

A POBRA DO CARAMIÑAL

CARMELA QUEIJEIRO

O rexedor pobrense pasou polo estudio de Radio Voz Barbanza, no marco da sección «Cita co Concello»

14 sep 2017 . Actualizado a las 05:10 h.

O alcalde de A Pobra, Xosé Lois Piñeiro, analizou a actualidade do municipio ao seu paso pola nova sección política de Radio Voz Barbanza, Cita co Concello. Aspectos como a aprobación dos orzamentos, futuras inversións e proxectos ou a relación cos grupos da oposición foron os eixos centrais da entrevista.

?Falemos dos orzamentos deste ano, ¿aínda hai posibilidades de que se aproben?

?Hoxe temos unha comisión de seguimento coa oposición, onde lles exporemos a posibilidade de aínda levalos este ano. Quixemos facelo con antelación, pero estivemos centrados en preparar proxectos de cara ao futuro, que necesitaron da nosa dedicación durante o verán e por iso quedaron nun segundo plano. Pero son importantes porque este ano firmamos varios convenios que queremos ter xa a disposición. Os orzamentos xa están listos e poñeremos sobre a mesa esa serie de posibles actuacións para coñecer a opinión dos grupos.

?¿De que proxectos e inversións estaríamos a falar?

?Un deles foi a subvención presentada ao IGAE e a do 1 % cultural. Falamos de proxectos que necesitan de negociación cos veciños e coa Xunta para a cesión de terreos. Non queremos levar obras complicadas de facer porque queda pouco tempo. É o momento de levar a cabo os grandes plans que presentamos. Queremos inverter na compra de material para o Concello e incluso barallamos mercar algunha parcela para as dependencias municipais novas que precisamos. Temos previsto ampliar a estrada DP-6703, que pasa polo Camiño Ancho e crear beirarrúas. Trátase dunha demanda histórica que negociaremos cos veciños.

?¿Haberá gardería municipal?

?Foi aprobada en pleno, a través dunha moción do BNG, e tamén a levamos no programa. A construción da gardería municipal será a actuación que terá prioridade en primeiro lugar.

?¿Continuarán apostando polas reformas dos centros educativos?

?Queremos que os colexios estean ben para os nosos nenos e nenas e non andar esperando a que a Xunta dea un paso máis grande. Aínda que este ano se pintase o Fernández Varela ou o colexio de Santa Cruz, temos actuacións pendentes moi importantes nas escolas de O Campo e de Vilariño. Queremos aproveitar as antigas vivendas dos mestres para convertelas en centros sociais. Hoxe teño unha reunión na Xefatura Territorial onde espero recibir o visto bo.

?¿Cre que as asembleas nas parroquias funcionaron?

?O modelo estase integrando pero aínda non estamos satisfeitos. Temos pendente a aprobación do regulamento de orzamentos de participación cidadá, xa que o BNG presentou alegacións contundentes que nos obrigan a estudalas con detemento. Estamos sentando as bases para que no 2018 se faga á perfección a primeira rolda de asembleas, preparar os orzamentos e facer unha segunda para coñecer a opinión dos veciños.

?¿Retomarán o proxecto do centro de acollida para animais ou loitarán polo comarcal?

?Nós Pobra nunca estivo en contra da creación dunha canceira a nivel comarcal. Parécenos a mellor opción para os animais que non atopan unha saída rápida. Pero queremos que exista un centro na Pobra para os cans que pasan poucas horas. Volveremos a levalo proxecto neste ou no vindeiro pleno, cunha redución do custe.

?¿Abordaron os conflitos veciñais da rúa Atalaia?

?Teño pendente falar cos veciños e veciñas afectados, xa que pediron a cita para despois do Nazareno. Buscaremos posibles solucións, aínda que as forzas de seguridade seguirán pendentes.

?¿Cal é o estado da relación co BNG e o PSOE? ¿Podería reeditarse o apoio dos primeiros?

?Véxoo moi complicado. Esa relación fluída que todo o mundo esperaba que teríamos co Bloque non se produciu dende o primeiro momento. Fixemos intentos desesperados de negociar con eles. De cara aos orzamentos, teremos moi en conta as mocións presentadas polo BNG.