24 horas de sol e de ciencia continua

Xurxo gago ÁRTICO / E. LA VOZ

A POBRA DO CARAMIÑAL

XURXO GAGO

O científico pobrense Xurxo Gago regresa á casa, tralo fin da campaña no polo norte

30 jul 2017 . Actualizado a las 11:10 h.

Diario dun barbancés no ártico: Capítulo terceiro e último

Creo que o comezo desta campaña científica no Ártico foi das peores tecnicamente falando. Esta está centrada no estudio eco-fisiolóxico das plantas invasoras versus as plantas nativas do Alto Ártico, no marco do cambio climático nas Illas Svalbard (78ºN, Noruega), financiado principalmente polo Fondo de Protección Medioambiental das Illas Svalbard (Noruega). O equipo conformámolo 7 persoas incluíndo ó noso colega botánico Stein-Rune do Instituto Noruego do Norte. Cada un de nós cubre coa súa experiencia diferentes tarefas e especialidades na campaña, así foi deseñado nun principio o proxecto. Agora ben, comezamos ca crúa realidade: o noso colega Stein-Rune leva unha mala temporada, na primavera avisounos que estaba tendo perdas de visión nun ollo co cal podería complicar a identificación e localización na tundra ártica das especies que necesitamos e por outra, porque tamén tiña que protexernos contra os osos polares.

XURXO GAGO

Chegamos a Longyearbyen, a caixa co material de laboratorio que enviaramos un mes antes dende Palma aínda non chegara, o noso colega botánico noruego non se podía incorporar ao principio da campaña por problemas familiares e aínda por riba eu comentei un erro cos equipos que utilizamos para medir a fotosíntese que quedaron inutilizados ata novo aviso. Así que aí estábamos dous maiorquíns, dous vascos, unha murciana e un galego -isto parece un chiste- sen equipos e sen plantas para medir. Moi ben, moi ben.

XURXO GAGO

Ao segundo día de chegar tiña que dar unha charla no Centro Universitario, e si, é a universidade máis ao norte do mundo. Para que vos fagades unha idea, esta facultade parece deseñada polos donos de Ikea, todo en madeira estilo escandinavo, onde os zapatos déixanse na porta (herdanza dunha cidade mineira), así que todo o mundo no centro andaba con calcetíns gordos de colores, coma se aquilo fora a aldea de David O Gnomo. Afortunadamente, no centro os colegas da facultade botáronnos unha man e deixáronnos material para poñer os nosos equipos de novo operativos. Dende Tromso, Stein-Rune comezou a mandarnos mapas cas coordenadas GPS, repartidas entre os vales glaciares ao redor de Longyearbyen e máis na cidade mineira rusa de Barentsburg, ao leste do mesmo fiordo. A cuestión é que moitos deles eran bastante vellos, aínda que marcaban que a maior parte de invasoras que entraron nas Svalbard polo turismo (sementes na roupa e nas botas) e sobre todo polas granxas de animais e polos pastos para alimentalos.

Das tan só 180 especies de plantas superiores das Svalbard, nos pobos máis grandes pode haber máis de 30 especies alóctonas. E aquí ven a preocupación xeneralizada: os ecosistemas dos polos mantivéronse a salvo de especies invasoras porque basicamente son desertos fríos e secos, con chans moi pobres e reducida actividade humana.

Polo a 20 euros o quilo, un pemento morrón 3 euros, aguacate a 12 euros o quilo e unha botelliña de auga glaciar, uns 40 euros»

Aquí non se pode cultivar nada, todo hai que traelo de fóra, se vas ao supermercado -deixas o rifle nun armeiro xa que non podes entrar con el-, mirade os prezos dos produtos: polo a 20 euros o quilo, un pemento morrón 3 euros, aguacate a 12 euros o quilo e unha botelliña de auga glaciar, uns 40 euros. A comida nos desertos non é fácil de conseguir, e claro, hai que pagala.

XURXO GAGO

Os osos polares tampouco o teñen fácil neste lugar extremo, de feito, as rúas de Longyearbyen vense unha especie de containers de ferro que parecen búnkers cunhas escotillas con diferentes nomes. Isto non é outra cousa que cubos de lixo anti-osos!

XURXO GAGO

Cos mapas da zona e a posición GPS das especies obxectivo, os compañeiros do País Vasco Beatriz Fernández-Marín e Nacho García-Plazaola, e máis María José Clemente e Javier Gulías pola nosa universidade balear, sacan brillo dos seus coñecementos botánicos e, a quendas, Jaume e máis eu de acompañantes con rifles de vixía-osos fixemos que a cousa comezara a rodar.

Os osos polares aprenderon que os glaciares son un bo sitio de caza, pois alí aínda quedan moitos témpanos de xeo que as focas prefiren para descansar»

Localizamos e identificamos as especies nativas máis representativas da flora ártica, coma a Saxifraga oppositifolia, a planta que florece máis ao norte do mundo e que chega ata 83ºN!. Pateamos os pobos, a tundra, morrenas glaciares abaixo e arriba, as zonas pantanosas do comezo dos fiordos e tamén as bases dos glaciares; nesta zona con moito ollo xa que dixéronnos que agora os osos polares -están esfameados porque o xeo da banquisa derrétese tres semanas antes e non poden comer alí focas- aprenderon que os glaciares son un bo sitio de caza, pois alí aínda quedan moitos témpanos de xeo que as focas prefiren para descansar.

XURXO GAGO

Dadas as condicións extremas de temperatura, seca e escaseza de nutrientes a vexetación nativa non é moi produtiva que digamos. Arrimámonos a unha corte de cabalos que había cara o aeroporto e que nos indicaran que era un punto quente de especies foráneas. Efectivamente, alí había un crecemento de vexetación exuberante en comparación co entorno normal -herbas de 30 centímetros-, pasounos o mesmo no enclave ruso de Barentsburg, un pobo mineiro de deseño soviético, con casas e edificios industriais medio derruídos cheos de ferros oxidados ao aire. Ao lado da granxa das vacas apareceron especies de Ranunculus e Alchemilla da familia das rosáceas de máis de 50 centímetros de altura! todo un exceso de exuberancia para o alto Ártico grazas os excrementos dos animais. De feito, cando comezamos a mandar as fotos das plantas aos nosos colegas botánicos noruegos ficaron ben pampos polo tamaño das mesmas, e mais por outra especie que atopamos que non souberon recoñecer, podería ser que lle demos a mala noticia que outra nova especie alóctona chegou ao arquipélago.

XURXO GAGO

As plantas alóctonas que parecen máis perigosas agora mesmo son as herbas (gramíneas) como a Poa annua que tamén medimos fai 5 meses na Antártida e xa está por todo o planeta. En calquera caso, é probable que ca subida da temperatura e unha maior actividade microbiana no chan favoreza a mobilización de nutrientes e as plantas alóctonas poidan expandirse en maior medida cambiando as comunidades vexetais. Ademais, foron quen de adaptarse a un sol continúo, 24 horas de luz ao día durante 3 meses ao ano fotosintetizando sen parar, e nós detrás delas para seguirlles o ritmo. A campaña ártica remata hoxe mesmo, domingo 30 de Xullo 2017, volvemos para a casa con moitos datos para analizar e discutir, e moitas preguntas sobre as plantas do Ártico. Finalmente, conseguimos medir 32 especies (15 % das especies totais das Svalbard), 9 delas alóctonas e outras 9 nativas onde tentamos explorar a súa resposta ao quecemento climático. 

Non o dubiden, cada vez resulta máis importante a ciencia dende os niveis locais para entender este mundo global. E viceversa»

En menos de 5 meses medimos as plantas que viven nos dous polos, desertos xélidos e secos: a Antártida e o Ártico, que nos poden explicar como sobrevivir a ambientes extremos; e nós xa podemos confirmar que somos bipolares -algúns poderían pensar efecto do sistema científico español nos seus súbditos-, pero neste caso refírome xeograficamente falando. E non o dubiden, cada vez resulta máis importante a ciencia dende os niveis locais para entender este mundo global. E viceversa.

O equipo de investigación elaborou este albume de increíbles fotografías arrincadas dun escenario tan sorprendente como é o Ártico: 

As anteriores reportaxes de Xurxo Gago na Antártida poden ser consultadas neste espazo, en orde de publicación: