«Se non sentise así esta forma de vida, non merecería levar o apelido Fontán»

O pobrense encarna a cuarta xeración de músicos dunha familia namorada deste arte


Situémonos por un instante no privilexiado asento erixido sobre un palco que olla cara o espectáculo da lembranza. Ano 1993, festas do Carme dos Pincheiros. Un pai e un avó tiran dun cochiño de bebé polas rúas de A Pobra. A paso de costume, camiñan  ata situarse na primeira liña da actuación da banda de música.

No interior dese transporte infantil, un cativo sorrí mentres as melodías se acomodan dentro dos seus oídos para invadir instantaneamente a súa mente. Fortaleza da que, a día de hoxe, non lograron ser derrocadas. Nin existen visos algúns dunha hipotética tregua ou rendición. Aquel foi o primeiro idilio de Xacobe Fontán Martínez (A Pobra, 1991) co mundo sonoro.

Na actualidade, este frautista e gaiteiro, integrante da Banda de Música de A Pobra e da agrupación tradicional Trécola, pode ser visto durante as súas particulares fugas no areal de Cabío. O seu recuncho, onde acode só diariamente a correr e pasa os días de verán coa súa cuadrilla de amigos, ten un especial significado. Entre as rochas evádese para afastar a base de sopros calquera problema que o ateigue.

O negocio familiar

«O meu bisavó foi o anterior director da banda de música ata que se volveu a formar, meu avó era pianista e dirixía a coral Capela Lauda Sion, que actualmente dirixe meu pai tocando tamén o piano». Este curioso libro de familia, presentado por Xacobe Fontán, serve de carta de presentación para aquel que porta a responsabilidade de ser a cuarta xeración de músicos do fogar.

Aínda que este mozo pobrense medrou nun ambiente marcado continuamente polo ritmo e as mil actuacións ás que o levaban sempre avó e pai, custoulle un pouco decidirse a escalar o pentagrama. Pero con dezaoito anos chega o momento posto que era «agora ou nunca». Baixo a batuta do mestre Alberto Millán decantouse polos ventos da frauta traveseira e da gaita. 

Despois de incontables xiros do reloxo ensaiando e deixándose o alento na casa, con 20 anos daba o seu primeiro concerto na residencia de maiores de Ribeira polo Nadal. Amosando a magnitude dun corazón, non superado nin polos seus pulmóns, afirmou: «Foi un estreo especial, poder tocar para persoas que nese día non poden estar coa súa familia aporta moita satisfacción».

Xacobe Fontán é coñecido tamén polas diversas actividades que desenvolve, sen importarlle o estilo ou xénero. Dende interpretar a Mozart en concertos didácticos no instituto pobrense a poñer a bailar ao público o Licor Café de Lamatumbá en colaboracións coa cantautora Cris Román ou con grupos de rock. Moitas veces acompañando a seu pai.

Precisamente, nun dos eventos co seu proxenitor, harmonizaron e tocaron unha peza inédita de Valle-Inclán, Sons de muiñeira, a partir dun antigo documento.

Os tesouros do pasado

Nas entrañas do seu faiado, un antigo arquivador custodia as composicións de José Fontán, o seu bisavó, creador dende zarzuelas a temas bailables, pasando polas históricas marchas de Semana Santa que tributan a unha imaxe determinada. Este feito acrecenta as súas ganas de pasar polo estudio cos compañeiros de Trécola, un asunto pendente.

O frautista, que tamén participa na Capela Lauda Sion, sempre tivo moi claro o orgullo do legado que persigue: «Se non sentise así esta forma de vida, non merecería levar o apelido Fontán».

Próximas paradas de Trécola programadas para marzo:

-Pasabares polo casco de A Pobra (sábado 5).

-Cine Elma (sábado 12).

-Festa da Chuvia (sábado 19).

O compromiso coa vila:

O seu tío avó rexentaba un taller de instrumentos que usaba a vella banda. Doáronse á casa de Raquel Soler.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

«Se non sentise así esta forma de vida, non merecería levar o apelido Fontán»