A moza coprotagoniza A Nadadora, a primeira longametraxe da directora Sandra Sánchez
06 nov 2026 . Actualizado a las 11:34 h.«Nin son actriz nin pretendía selo ata o de agora». Con esa naturalidade resume María Candamo, ou María de Dina, o seu debut na gran pantalla como coprotagonista de A nadadora, o primeiro filme de ficción da directora Sandra Sánchez. Veciña de Louro, Candamo era ata hai pouco coñecida polo seu proxecto Lixo Atelier, co que deseña xoias artesanais a partir de refugallos recollidos nos areais. A oportunidade de colocarse diante das cámaras chegoulle sen buscala no ano 2024, en plena marea dos pélets.
A artesá muradá decidira entón facerse eco da catástrofe cun vídeo que se fixo viral nas redes sociais para denunciar a situación da costa e chamar á mobilización veciñal. A través desas publicacións deulle caza o equipo de selección da película: «Chegoume unha mensaxe a Instagram dicindo que buscaban dúas rapazas para unha historia na Costa da Morte». As esixencias do papel pasaban por aparentar idade adolescente e dominar con soltura os trazos lingüísticos da zona, como o seseo e a gheada, e María cumpría os requisitos á perfección. Decidiu presentarse ás probas sen pretensións e foi superando cribas ata a definitiva. Despois de semanas de silencio —«eu xa case esquecera o asunto»— soou o teléfono: «Dixéronme que o papel era meu, que eu era a nadadora».
A muradá comparte protagonismo con Nuria López, quen encarna a Nico nunha trama ambientada na Costa da Morte dos anos noventa que aborda o peso do mar, o mundo das drogas e os conflitos da xuventude. Aínda que recoñece que os mozos actuais viven noutra realidade, a conexión co fondo da historia foille doada: «Os adolescentes de hoxe estamos, grazas a Deus, algo máis alonxados daquela contorna, pero a angustia desa idade é a mesma». Ademais, o vínculo co territorio foi decisivo: «Eu son de aldea e, aínda que nunca quixen marchar de Louro, entendo esa sensación de illamento na adolescencia». Onde a identificación foi total foi na ligazón co Atlántico: «Na miña familia case todos se dedican ao mar: o meu pai, os meus tíos, o meu irmán pequeno». Do personaxe pouco máis pode desvelar: «Hai que descubrilo co filme; é quen garda o misterio».
A rodaxe desenvolveuse en febreiro en paraxes da Costa da Morte. «Un inverno en Camariñas é duro e a rodaxe era moi mariñeira; tocoume meterme na auga máis dunha vez», apunta. Con todo, as baixas temperaturas quedaron nun segundo plano polo coidado do equipo: «Tiñan tanto medo a que pasase frío que non me deu tempo; en canto saía da auga tiña tres albornoces e parches térmicos preparados».
Nomes coñecidos
Para construír o personaxe o arroupo do elenco foi crucial: «As que non tiñamos experiencia eramos Nuria e mais eu, o resto eran nomes coñecidos». Ao seu carón estiveron figuras consagradas do audiovisual galego como Diego Anido, Melania Cruz, Lucía Veiga e Federico Pérez. «Coñecíaos a todos e admirábaos un montón; na miña casa sempre se seguiu a súa traxectoria», confesa.
A primeira proba de lume chegou hai pouco coa estrea mundial na Semana Internacional de Cine de Valladolid (Seminci). «Resulta abrumador ver tanta xente, caras moi coñecidas e a túa película no medio de toda esa programación», explica sobre o desembarco no festival. Alí puido xulgar na gran pantalla a peza coa distancia que non tivo nos pases privados co equipo: «Ao principio só estás pendente do que fas e de lembrar as anécdotas da rodaxe, pero alí emocioneime moitísimo».
De momento, a chegada da longametraxe ás salas comerciais farase esperar ata o 2027. «A estrea en Galicia vai ser unha festa», promete María Candamo mentres agarda pola resposta dos espectadores. Aínda que nestes case dous anos non volveu presentarse a novos cástings, a chama da interpretación quedou prendida nela: «Paseino incrible e gustaríame repetir experiencia; agora haberá que ver se o público considera que vallo para isto».