Cando eramos pequenos tiñamos a sensación de que ao estarmos na ribeira do mar viviamos nun mundo case infinito
04 nov 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Ooutro día Ana Lorenzo publicou neste medio a dura e fermosa historia de Carmen Davila, unha viúva pobrense que marchou traballar a principios dos anos 60 na residencia na que internaran o seu fillo en Sanlúcar de Barrameda, en Cádiz, tralo naufraxio do buque Castillo Montjuich. E sorprendeume un detalle que conectaba á miña xeración coa súa. Cando viu por vez primeira a paisaxe de Sanlúcar, ela dixo: «Non vin máis que terra, terra e terra. Dixen: ‘Ai, nai, onde imos! Como isto sexa así, dou a volta’». Abofé que esa historia me soaba moito.
Cando eramos pequenos na Pobra, vinte anos despois, tiñamos ideas semellantes. Ao coñecermos veciños de Chantada ou de Melide, dábannos un pouco de mágoa: pobre xente que tiña terra polos catro puntos cardinais. Que aburrido e limitado debía de ser o interior!
O prexuízo viña da nosa cultura mariñeira e da sensación de que ao estarmos na ribeira do mar viviamos nun mundo case infinito. Pero xa era máis unha ilusión que unha realidade.
A ría de Arousa xa non era a autoestrada líquida dos nosos avós e nós sufriamos resignados as curvas da AC-305. Esta historia é un bo exemplo de como a identidade funciona como un eco que aínda se escoita tempo despois de que se extinga o ruído orixinal. Esa idea axudounos a movernos con menos complexos polo mundo.
Seriamos afortunados se algo desa fermosa idea sobrevivise nos nosos rapaces, tan convencidos ás veces de que viven nunha periferia. O mar ensínanos que o mundo, se de verdade o queremos e cremos, non ten límites.