Narración oral, música, baile e poesía daranse cita na localidade entre os días 16 e 18
07 oct 2026 . Actualizado a las 20:36 h.Culturgal, a Feira das Culturas Galegas que cada ano converte Pontevedra en epicentro da actividade cultural galega, estenderase nesta edición para chegar ata Muros. Nos vindeiros días 16, 17 e 18, o mercado municipal da vila dará cabida a un completo de actividades para todas as idades, que contarán cunha presenza destacada de artistas e de creadores locais.
O programa de actividades deseñado para a ocasión arrancará da man do autor, director teatral e narrador Cándido Pazó, que entrará en escena o venres ás 19.00 horas. Trala súa actuación chegará o recital Todos poetas menos o capitán, con Samuel L. París. O fin da xornada consistirá nun concerto poético de Silvia Pena e Jesús Andrade.
Para o sábado hai programadas dúas propostas dirixidas ao público infantil. A primeira, ao mediodía, correrá a cargo de Miguel Guido, que narrará O lobo feliz. Tras el tomará o relevo Charo Pita, cun Menú de contos.
Unha conversa literaria entre Marga Tojo, Diego Ameixeiras e Carlos Lixó abrirá as citas da tarde ás 19.00. Unha hora despois chegará a quenda da música coa actuación da banda local Lisdexia. E para rematar, Lois Pérez e Secho deleitarán ao público con Da vara e mais da besta, un espectáculo que mestura música e narración.
Recta final
A xornada do domingo, a última deste Culturgal Expandido, estará dedicada ao baile tradicional. Abrirase ao mediodía co obradoiro que impartirá o bailarín e coreógrafo Artur Puga, una actividade dirixida a todos os públicos. O fin de festa chegará con Ven e baila, cun chamamento a toda a veciñanza de Muros para sumarse a Artur Puga e Os Enxebres.
«Este programa quere unir a enerxía cultural galega coa enerxía cultural dunha vila como Muros cun obxectivo final, que non é outro que divertirse», explicou Camilo Franco, director do Culturgal. Destacou que todas as propostas son gratuítas.
Desde o Concello de Muros puxeron de relevo a importancia de que a vila se converta durante un fin de semana en sede dun dos eventos máis importantes de Galicia a nivel cultural, animando á veciñanza a gozar da programación deseñada.
É a segunda vez que o Culturgal Expandido chega a Barbanza, despois de que o ano pasado recalara en Ribeira.