Ciclo teatral en O Porto do Son con Excéntrica, Talía, Airiños e Malasombra

BARBANZA

<span lang= gl >Escena da obra «Os dous de sempre», a cargo de Excéntricas</span>
Escena da obra «Os dous de sempre», a cargo de Excéntricas CARMELA QUEIJEIRO

As funcións terán lugar os catro sábados do mes de novembro

06 oct 2026 . Actualizado a las 14:58 h.

A Concellería de Cultura do Porto do Son volve apostar polo teatro como alternativa de lecer para o outono. Por terceiro ano consecutivo, organizou unha mostra con catro representacións, que correrán a cargo das compañías Talía, Excéntrica, Airiños e Malasombra.

A casa da cultura da localidade dará cabida todos os sábados do mes de novembro ás funcións, que comezarán ás 21.00 horas. As entradas pódense adquirir a partir de hoxe no departamento de Cultura, que está aberto de luns a venres, de 8.00 a 15.00 horas, ou ben antes do inicio de cada espectáculo.

A programación arrincará o 7 de novembro coa obra A parábola do angazo, de Talía Teatro, unha función recomendada para público xuvenil e adulto que situará sobre o escenario a Toño Casais e Artur Trillo. Ambos os actores forzarán unha reflexión sobre o uso da lingua galega.

O día 14 tomarán o relevo enriba das táboas Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira para poñerse na pel de Pedriño e Rañolas, levando a escena un dos textos clásicos de Castelao: Os dous de sempre. O espectáculo será brindado por Producións Excéntricas e está dirixido por Quico Cadaval.

O seguinte sábado será o elenco da compañía rianxeira Airiños o que viaxe ata a vila do Son para ofrecer A vida de Brais, unha comedia absurda e cargada de humor que parte da adaptación que Amantia Coello, a directora da agrupación, fixo do clásico cinematográfico Life of Brian dos Monty Python.

A compañía Malasombra será a encargada de clausurar esta terceira edición do ciclo teatral coa montaxe Cotorras, unha comedia ácida sobre as anécdotas da vida en parella que ten a Luis Iglesia e Victoria Teijeiro como protagonistas.

Mentres que a función de Airiños será de acceso libre, as localidades para o resto das representacións da mostra terán un prezo de 4 euros.