O concelleiro de Deportes de Boiro, Marcos Fajardo, detalla o operativo de seguridade para unha cita que reunirá a centos de ciclistas
03 oct 2026 . Actualizado a las 19:59 h.En Boiro xa está todo a punto para gozar dunha nova edición do Día da Bicicleta. O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, repasa os detalles dunha das citas máis agardadas do calendario local, unha xornada pensada para a convivencia e o lecer en familia. O edil é ademais un firme defensor das dúas rodas: non só acude sobre pedais a traballar sempre que o tempo o permite, senón que fai da bicicleta o seu medio habitual de desconexión polas rutas da comarca.
—Canta xente haberá o domingo?
—As inscricións remataron onte e eu creo que vai ser outro gran ano. De 600 participantes non baixamos; houbo anos de 800 e incluso case 1.000 bicicletas. Como o tempo acompaña e parece que non vai chover, a cifra anda entre os 600 e os 700, porque sempre hai máis a última hora que se apuntan na mesma praza do Concello. Vai haber unha boa presenza de bicicletas, de pais e de nenos. Un día bonito.
—Que representa esta cita para Boiro e para o Concello?
—É unha cita importante porque é un día para estar en familia. É un día para gozar e discorrer polas nosas estradas con total seguridade. O obxectivo é xuntar a familias e amigos, tomar logo un vermú ou un café e gozar da música e os agasallos das empresas colaboradoras. É un domingo diferente de deporte, sociedade e amizade.
—Como se coordina un operativo de seguridade tan amplo?
—Sentámonos sempre coa Garda Civil, a Policía Local, Protección Civil, que estarán no percorrido. É un trazado sinxelo, fácil e con pouco tráfico. Fanse cortes e vixilancia moi puntuais en cruces, pero non se interrompe o tráfico practicamente. Ademais, colabora o Club Ciclista Barbanza, que vai velando polos nenos. Ocupamos un só carril en todo o percorrido e discórrese con total normalidade e sen perigo. Xa levamos 15 anos organizándoo, así que imos adquirindo máis experiencia cada edición.
—Na presentación mencionou o último tramo do carril bici, era unha actuación moi demandada?
—Buscábase urbanizar esa zona que estaba algo asalvaxada. Queda unha beirarrúa moi boa e gáñase en seguridade. Son 200 metros que conectan con Salvador Allende, a avenida Jesús Alonso e o paseo marítimo. Agora mesmo temos 2.200 metros de carril bici, e estamos traballando para continuar desde a avenida de Compostela ata Cabo de Cruz. Iso sumaríanos 4 quilómetros máis, rozando os seis quilómetros en total.
—A xente utiliza cada vez máis este tipo de infraestruturas?
—Si, estamos fomentando o uso da bici como medio de transporte e deporte. Tal e como están os combustibles, con máis motivo. Eu mesmo me movo nunha bici eléctrica para ir traballar e estou encantado pola liberdade que dá. Cando sae o sol, o carril bici énchese de xente.