O actor ribeirense Quico Cadaval descubrirá aos oíntes algúns aspectos de Boiro, A Pobra, Rianxo e Ribeira
02 oct 2026 . Actualizado a las 21:21 h.A comarca de Barbanza será a protagonista do programa Galicia, verde e azul que se emitirá hoxe, sábado, entre as 9.00 e as 10.00 horas, en Radio Voz, e que se pode seguir nos diales 88.8, 107.5 e 106.1. Este espazo radiofónico pretende percorrer os 313 concellos de Galicia co obxectivo principal de dar a coñecer en profundidade todo o territorio e, así, contribuír a promocionar o turismo interior. Existen numerosos monumentos, paisaxes e mesmamente aspectos históricos que son descoñecidos por unha grande porcentaxe dos habitantes de Galicia.
Presentado por José Manuel Vila Chantres, tamén amosará o máis relevante de cada unha das 53 comarcas galegas a través da visión dunha personaxe coñecida e recoñecida por todos os galegos.
Neste programa, o ribeirense Quico Cadaval, dramaturgo, actor e director teatral falará dalgúns aspectos (entre outros dalgunha das tabernas que forman parte substancial da identidade barbancesa) que poden suscitar o interese dos galegos para achegarse a descubrir os concellos de Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira.
O concello pontevedrés de Ponteareas tamén ocupará boa parte do programa e contará coa presenza da alcaldesa ponteareá, Nava Castro, e de Andrés Sampedro, investigador sobre temas etnográficos e históricos de Galicia, quen disertará sobre os muíños de pedra e auga que se atopan neste concello.
Na sección A voz da experiencia, na que interveñen profesionais que contan cunha dilatada traxectoria profesional, o lucense Cheché Real, presidente da Asociación Galega Hostelería e Turismo, realizará diversas suxerencias que poidan contribuír a animar a que os galegos coñezamos máis a fondo Galicia.