Obras veloces

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Os pregos que regulan a execución das obras públicas, por culpa da Lei de Contratos do Sector Público, valoran aspectos como o prezo máis baixo. É lóxico que a Administración procure gastar ben os cartos públicos, pero o prezo non garante a calidade.

Hai outro criterio que me preocupa máis: a redución do prazo de execución. As empresas compiten por ofrecer antes o remate e gañar puntos. Nunha obra, a velocidade non sempre é unha calidade. Unha obra necesita tempo.

Hai materiais que deben secar, formigóns que deben adquirir resistencia, morteiros que necesitan repouso e elementos que deben asentarse antes de recibir novas cargas ou acabados. A construción non é unha carreira.

E, ollo coas condicións climatolóxicas galegas. Se hai que cumprir un prazo reducido, que sucede cando chove durante días? Ou cando as temperaturas son excesivamente altas? O calendario manda e o traballo continúa, aínda que as condicións non sexan as axeitadas. Logo aparecen fisuras, humidades, desprendementos ou acabados deficientes, e preguntámonos por que.

Unha obra pública non debería ser mellor valorada porque se promete construír en menos tempo, senón porque se compromete a construír ben. Comprendo que unha estrada cortada ou un servizo público en obras deben rematar canto antes, pero unha cousa é axilizar e outra obrigala a correr.

Deberiamos revisar estes criterios de adxudicación. O diñeiro público merece ser ben empregado, pero tamén merece durar. Aforrar na construción e gañar uns días no calendario pode acabar custando máis en reparacións.