En «Os abandonos», o autor achégase á demencia e as complicacións familiares
28 sep 2026 . Actualizado a las 10:45 h.Antón Riveiro Coello é un grande consagrado da literatura galega, unha sorte para os boirenses por ser fillo adoptivo da vila barbancesa xa que lles permite conversar con el, gozar da súa amizade, ou aproveitar os seus consellos e iniciativas, das cales unha das máis importante para Barbanza foi a posta en marcha da Asociación Cultural Barbantia. E precisamente foi da man da entidade que o venres presentara no Centro Social boirense a súa última obra, Os abandonos, ou mellor dito, a súa nova obra, porque este escritor non descansa, e segundo anunciou, xa traballa en dous novos proxectos, ambos máis longos que esta novela.
Compareceu ante un numeroso público o escritor nado en Xinzo de Limia, acompañado pola presidenta de Barbantia, María Xesús Blanco; e un declarado fan da súa obra, Mariano Muñiz, mestre e ex concelleiro de Boiro, quen no dubidou, case ao remate da presentación do libro, en poñer de manifesto a súa admiración por Antón Riveiro Coello, ao que cualificou grande da literatura, confesando que quedou prendido cando leu Cartafol do Barbanza polos espazos e referencias populares e históricas que incluíu e que foron lugares que formaron parte da súa vida.
Son conceptos como o que describiu Mariano Muñiz os que Antón Riveiro emprega e cos que engancha ao lector, que se acaba vendo reflectido na obra. No caso de Mariano Vázquez, porque lle axudou a relembrar momentos felices da súa nenez e mocidade, pero o escritor tamén consegue a mesma sensación coas crúas realidades do mundo nas que, directa ou indirectamente, por acción, por omisión ou por empatía un empeza a verse a si mesmo ao ler a obra do fillo adoptivo de Boiro, na que se produce como un efecto espello ben por similitudes con momentos vividos e incluso sufridos, ou por atoparse coa dureza do mundo e non ter feito nada.
Situación de loito
Trala conversa entre os tres integrantes da mesa, poden sacarse moitas conclusións sobre Os abandonos. Primeiro, que é unha novela curta que se fai curta de máis cando un se mergulla na lectura; segundo, que é dura; terceiro, que está trufada de realidades; e cuarta, que non está baseada en situacións propias do autor, aínda que si inclúe anécdotas familiares. Precisamente por iso, Antón Riveiro considerou, e así o deu a coñecer, que quizais non fose o mellor momento para sacar o libro, por atoparse de loito pola morte de súa nai, que tiña unha demencia avanzada, xusto a mesma doenza de Delfina, personaxe clave do libro que é a orixe do argumento.
O enunciado plural de Os abandonos ten explicación: Lucía, filla de Delfina, é quen leva o peso do relato. Explica como xunto coa súa irmá Susana, deciden internar a súa nai nunha residencia, xa que ten unha dependencia avanzada, situación pola que actualmente pasan moitas familias que se atopan coa tesitura de renunciar aos seus traballos, as súas vidas, ou atender aos pais. Delfina non llelo pon fácil, empregando argumentos recorrentes, como que se seu pai vivise non o consentiría... pero Lucía lémbralle cando ela a meteu nun internado con só dez anos, no que incluso sufriu abusos sexuais —de aí vén o título en plural—. Mais Delfina acaba desaparecendo e desencadéase a obra que, polo que quedou de manifesto no acto, convida á lectura.
As presentacións de libros de Antón Riveiro Coello sempre xuntan moita xente, e esta nin o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, a quixo perder. Aproveitou para repasar a acción do goberno municipal para mellorar os servizos sociais e a atención a persoas dependentes. Por suposto que non esqueceu agradecer a Barbantia que elixira Boiro para presentar o libro do seu fillo adoptivo, do que expresou o orgullo dos boirenses e o seu propio.