A Guadalupe volve guiar a ría

Sara Pardo
sara pardo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carmela Queijeiro

A escultura de Asorey loce de novo en Tanxil, despois de 21 anos fóra

05 sep 2026 . Actualizado a las 19:32 h.

Decenas de veciños achegáronse onte ata a praia de Tanxil e non para bañarse —aínda que o día o pedía—, senón para celebrar un momento histórico para Rianxo: o regreso da virxe de Guadalupe de Asorey ao seu lugar. Ao ritmo das gaitas e pandeiretas, os rianxeiros xuntábanse no antigo dique, a pé ou por mar, xa que ata o punto desprazáronse tamén as traiñeiras do club de remo local, embarcacións tradicionais, de recreo e mesmo pesqueiras, que tampouco quixeron perder este fito. Para intervir no acto reuníronse o alcalde, Julián Bustelo; o conselleiro de Cultura, José López Campos; e a neta do mestre que realizou a figura, Carmen Asorey.

O presentador Duarte Galbán foi o encargado de poñer en palabras o sentimento de todos os rianxeiros ante este momento «que levamos agardando 21 anos. Xuntámonos para festexar un acordo moi importante que fai que a nosa Moreniña volva guiar a ría de Arousa e a coidar da nosa vila dende o lugar do que nunca debeu marchar». Visiblemente emocionado e coa voz embargada, falou do que significa a Virxe de Guadalupe, a Moreniña, e a praia de Tanxil para Rianxo.

Seguidamente, a neta de Asorey, que asistiu tamén en calidade de amante da arte, explicou como o mestre «estudaba, cando eran monumentos públicos, o que tiñan que representar. Aquí, como non podía ser doutro xeito, fixo unha virxe mariñeira, unha virxe do mar, integrada totalmente no ambiente». E non é para menos, xa que se trata dunha impoñente peza de 3,20 metros de altura e tres toneladas de peso, esculpida en granito de Santiago no ano 1932. A obra destaca especialmente polas súas incrustacións de teselas policromadas de cerámica, un detalle innovador para a época co que o escultor buscou que o manto da virxe xogase cos escintileos do sol.

Na súa quenda, o conselleiro de Cultura, José López Campos, falou en nome da Xunta, que colaborou para que a rehabilitación e o traslado da virxe fosen posibles. «Todas as obras de arte son concibidas para un espazo e a Virxe de Guadalupe foi concibida para estar aquí, en Tanxil, para recibir aos mariñeiros e estar ao lado da xente do mar e dos veciños», sinalou. Tamén quixo destacar a relación que une a Rianxo e A Estrada, o seu municipio. «Están moi unidas e vano estar un pouquiño máis», dixo facendo referencia ao irmandamento que terá lugar pronto.

Pero todas as partes que fixeron posible este regreso non serían nada sen alguén que as unise, e esa figura foi o rexedor rianxeiro, Julián Bustelo. «Estamos diante da recuperación dunha parte da nosa memoria, da nosa identidade e da nosa historia compartida», relatou nun emotivo discurso.

Recuperar o esplendor

«Pero este acto non é un punto final, é un novo comezo; poñémonos a traballar dende xa para recuperar tamén este dique, para que volva parecerse ao que algún día foi, e para que o areal de Tanxil recupere todo o seu esplendor», anunciou o alcalde.

Tralas súas palabras, as gaitas volveron soar ao ritmo da Rianxeira. Mentres os veciños acompañaban co seu canto, as autoridades subían ao alto para destapar, por fin, a virxe de Guadalupe ante un estoupido de aplausos e berros: «Viva a Virxe de Guadalupe! Viva!». Ao rematar o acto, foron moitos os que se achegaron a observala de preto. Maruchi, unha veciña que xa facía garda ao seu carón, fora a última en deixarlle flores e quería ser a primeira en volvelo a facer. E así foi.