Miguel Abraldes, patrón e percebeiro retirado: «Tal e como está a pesca agora, en quince anos vai á ruína»

ANDREA ABAD / A. G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Miguel Abraldes, profesional do mar retirado que fai maquetas de embarcacións
Miguel Abraldes, profesional do mar retirado que fai maquetas de embarcacións CARMELA QUEIJEIRO

O mariñeiro tivo que cambiar os barcos polo marisqueo durante doce anos

01 ago 2026 . Actualizado a las 04:46 h.

Miguel Abraldes (Aguiño, 1969) leva toda a vida contando o tempo en mareas. Patrón durante 31 anos, o seu percorrido estivo marcado por unha traxedia familiar e rematou de golpe por problemas de saúde. Hoxe, retirado, mantén relación coa costa dende terra.

A súa historia comeza moito antes de que el mesmo o decidise: «Como a casa da miña infancia está ao lado do peirao, a escola que tiven foi andar polo medio dos barcos e estaleiros». O seu pai tiña un cerqueiro ao que Miguel subiu por primeira vez sendo case un neno. Foi nesa mesma embarcación, con el a bordo, onde o seu proxenitor sufriu un accidente que lle custou a vida: «Foi un impacto moi grande porque só tiña 14 anos».

Aquel incidente non o afastou do mar. Nunha familia como a súa, di, non había moitas opcións entre as que escoller. «Somos dun pobo mariñeiro, o 90 % andamos ao mar», explica. Aínda así, a perda marcouno: «Curas da enfermidade, pero as cicatrices quedan de por vida».

Con 18 anos embarcou rumbo ao banco canario-sahariano para capturar pescada, nunha época de pouca sardiña na ría. Aforrou para os estudos e marchou á Escola Náutica de Ferrol: «Quería un futuro mellor, un oficial gana máis que un mariñeiro e ten mellores condicións de cotización». Ao rematar, volveu a Ribeira para dedicarse á baixura.

No 2003, o caladoiro da anchoa pechou por recomendación dos biólogos. «Esa campaña supoñía a metade dos beneficios do ano», explica. Dende aquel ano ata 2015 deixou a pesca para facerse percebeiro, un oficio que respecta enormemente pola súa dureza: «Hai que ter un ollo na pedra e outro no mar». Aínda así, a súa paixón sempre foi outra que herdou da súa familia: «O que máis me gusta é faenar a sardiña, na casa todos se dedicaron a iso».

Última marea

Miguel Abraldes recorda á perfección o momento no que tivo que afastarse do sector. «Estaba entre Asturias e Santander pescando anchoas cando me empecei a atopar mal», explica. Nunca máis subiu a un barco para traballar: «O porto de Xixón foi o último que pisei, pensaba que ía estar unha temporada fóra, pero tiven que retirarme da actividade pesqueira». Manter o repouso custoulle ao principio porque asegura que non se considera «un percebe de sofá».

Aos 56 anos, recoñece que a nova rutina require de adaptación: «Nunca quixen abandonar o mar, o salitre métese moito nas venas e é difícil prescindir del». Hoxe, a súa relación co mar limítase a paseos pola praia e charlas cos compañeiros e mariscadoras do porto do seu pobo. Resume a súa traxectoria citando un poema de Mario Andrade: «Temos dúas vidas, unha que vivimos e outra que queda por diante, a primeira foi no mar e esta en terra».

Aínda afastado do oficio, non esconde a súa preocupación polo seu futuro. «Os portos dende Fuenterrabía ata A Guarda están moi mal e é unha pena porque os galegos somos grandes pescadores». Pon como exemplo o caso de Aguiño, onde chegou a haber máis de setenta embarcacións: «Só quedan tres tristes barcos».

Incide en que cada vez hai máis dificultades administrativas para o exercicio da actividade. Manifesta que «aos mariñeiros pídenselles demasiados cursiños, un rapaz ten que gastar 3.000 en formación». Ademais, apunta ao sistema de cotas como un dos responsables da mala situación pola que atravesa o sector do mar: «Moitas veces tes que comprar o peixe antes de pescalo, é un desastre».

O relevo, di, é difícil porque «non lle podes prometer nada aos que veñen». Para el, isto marca unha conta atrás para o oficio: «Tal e como está a pesca agora, en quince anos vai á ruína».