Fotos e cancións

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Xosé Losada Castelao (segundo pola esquerda) e Manuel Rodríguez Castelao (segundo pola dereita) acompañados de Sixto Aguirre Garín, Rafael Dieste e Jesús Bal y Gay
Xosé Losada Castelao (segundo pola esquerda) e Manuel Rodríguez Castelao (segundo pola dereita) acompañados de Sixto Aguirre Garín, Rafael Dieste e Jesús Bal y Gay

O verán é a estación máis citada nas letras e a máis retratada en imaxes

29 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Debido ao meu traballo manexo moitas fotos de figuras do galeguismo do século XX. Conforme as décadas avanzan, a fotografía se xeneraliza e os álbums familiares se fan máis grandes, sucede algo curioso. Boa parte das fotos destes escritores —exceptuando aquelas formais dos casamentos ou da familia— están feitas no verán. Sobre todo aquelas nas que se aparecen con moitos amigos. As mangas de camisa, os traxes claros e as mesas ao aire libre delátano.

O asunto segue a suceder hoxe. Proben a botar unha ollada aos álbums en Facebook dos amigos, non necesariamente galeguistas: observarán que tamén boa parte das que se publican nas redes foron feitas nos meses cálidos, con roupa lixeira, grupos grandes e ás veces longas mesas cumpridas con botellas baleiras.

Quizais esa sexa unha das virtudes do verán galego: anima a compartir e sobre todo reconcilia o calendario dos intelectuais coas festas populares. E iso consta no rexistro fotográfico. Pero tamén porque consideramos os veráns tempos felices e dignos de ser recordados.

Voulles dar un dato que comentar: na música, o verán é a estación máis citada e a primavera, curiosamente, a menos mencionada. Quizás porque a primavera reflicte ansiedades moitas veces frustradas e o verán desexos algunhas veces consumados que quedan na nostalxia. E xa sabemos que a nostalxia sobrevive de música e fotos envellecidas, tiradas baixo unha fermosa parra das Rías Baixas. Penso eu facer as dúas cousas: escoitar música e facer fotos. Vémonos en setembro!