Ensinar máis alá do encerado: «Quero cambiar a forma de ver as mates, non son só fórmulas e cálculos»

ANDREA ABAD / A. L. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Pablo Reboleiro
Pablo Reboleiro PACO RODRÍGUEZ

O profesor e pallaso Pablo Reboleiro mestura as matemáticas e as artes escénicas en vídeos de YouTube

14 jul 2026 . Actualizado a las 20:06 h.

Antes de ensinar nas aulas, Pablo Reboleiro xa levaba anos diante do público. É pallaso, bailarín, Premio Nacional de Circo e mestre de Matemáticas no CIFP Coroso, en Ribeira. Foi precisamente para chegar aos alumnos de formación básica e «facer a materia un pouquiño máis amena» que decidiu dar o salto a YouTube.

Reboleiro chegou á docencia case por casualidade. Formado en Matemáticas, presentouse ás oposicións «sen moita esperanza de sacalas» nun ano que, segundo admite, foron «doadas». A praza saíu e con ela chegou unha vía de estabilidade que a profesión artística rara vez ofrece: «É un sector moi precario».

Pese a todo, o artista non deixou os escenarios. Segue en activo, dirixindo obras e colaborando co Centro Dramático Galego. É esa dobre vida a que o levou a querer cruzar os dous universos tamén dentro da aula: «O mundo das matemáticas sempre o usei moito nos espectáculos».

Do escenario á aula

No instituto atopouse cun alumnado con pouco interese polos estudos: «En FP básica, os rapaces chegan moi desmotivados e en algunha ocasión despois dun fracaso escolar grande».

Reboleiro defende que o sistema debería permitirlles chegar a básica cun certo éxito ás costas e non só coa sensación de ter fallado. Pero mentres eses cambios non chegan, intenta facer o que pode dende a súa materia, tratando de conectar cos estudantes. «Quero cambiar a forma de ver as mates, non son só fórmulas ou cálculos, son unha forma de ordenar o mundo e están en todos os lados», destaca.

Con este obxectivo, naceron as canles de YouTube pr2asmatesmolan, en galego, e pr2matesmolan, en castelán. Nelas publica vídeos cargados de personaxes, humor e animacións, que ensinan matemáticas lonxe dos encerados. Ademais, comparte contido máis breve nas contas homónimas en Instagram e Tiktok.

O proxecto arrincou grazas a unha subvención dos fondos Next Generation que chegou á súa compañía de circo, Pistacatro. O propósito era que os artistas beneficiarios levasen o seu oficio a ámbitos alén do público habitual dos teatros.

Para os catro primeiros capítulos publicados, tanto en galego como en castelán, o mestre contou coa axuda dunha produtora audiovisual para o son e cunha maquilladora profesional de cine, Erea Pérez. O groso da idea sae del case en solitario, aínda que a artista Clara Gayo colaborou co guión.

Grava nun croma instalado na súa propia casa e monta os movemento de obxectos cun programa de presentacións: «É moito máis áxil que facelos dende cero». Editar cada capítulo lévalle preto de tres semanas: «Como está na miña cabeza, só eu sei como quero que sexa». «Nos vídeos hai personaxes macarras, outros máis parvos e algúns para un público máis maior», explica. A segunda quenda de vídeos, avanza, xa se está a facer «a machada» como os anteriores.

A primeira clase tivo unha acollida «potente», rozando as mil visualizacións, Agora, o seu obxectivo é que sirvan de material didáctico para docentes, alumnos e familias. Non obstante, Reboleiro aínda «non tivo tempo para mover a parte comercial».

Con todo, o mestre insiste en que non lle move o afán monetario: «Fágoo porque quero. Se só pensase en rendemento económico non o faría».