«Uns anos antes aos fillos de Odín non os coñecía ninguén, pero a finais dos 60, a rica, democrática e liberal Escandinavia era un referente para Galicia»
10 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O outro día sinaláronme nun sillar dun monumento da Pobra, a rentes do mar, unha suposta inscrición fundacional. Como estaba moi desgastada e non se lía ben, fíxenlle un modelo dixital para estudala no ordenador. Cando procesei o material, para a miña sorpresa alí non aparecía ningunha data medieval. A inscrición puña algo máis curioso: LOS 4 VIKINGOS, e embaixo unha posible data que podería ser, con dúbidas, 1968.
O asunto ten cachondeo porque aínda que sabemos dos ataques viquingos que durante cento cincuenta anos asolaron Galicia e a ría de Arousa, aínda non conseguimos dar con evidencias físicas da súa presenza. Aínda que os catro viquingos non axudan neste sentido, direilles que a inscrición ten máis valor do que parece.
A Romaría Viquinga de Catoira comezou a principios dos 60, pero foi a partir de 1965 cando se converteu no que hoxe coñecemos, co seu desembarco icónico de barbudos vociferantes e bárbaros. A testemuña da xolda de catro colegas de acampada na ría de Arousa revélanos como a idea dos ataques nórdicos penetraba no imaxinario popular da Galicia costeira, impulsado polo cine, os cómics e as mexillonadas de Catoira.
Uns anos antes aos fillos de Odín non os coñecía ninguén, pero a finais dos 60, a rica, democrática e liberal Escandinavia era un referente para Galicia. Os catro viquingos, coas súas innegables conexións cos catro fantásticos, son testemuña de como a sociedade galega incorporaba novos referentes pop ao seu mundo.
O tempo deixa marcas en todo o que facemos.