Unha fermosa promesa violada

Gonzalo Trasbach
gonzalo trasbach (IM) SOMNIUM

BARBANZA

Imagen de la conmemoración de los 81 años desde la rendición de Alemania
Imagen de la conmemoración de los 81 años desde la rendición de Alemania Christian Mang | REUTERS

Nun paseo de media tarde de maio, recenden as flores. Nun lateral, xogan os mozos novos ao balón. As rapazas, sentadas arredor dun carballo, falan e rin. Lémbraste da túa dona cando era unha rapariga. Entón mirábaslle para os ollos cando bebía auga da fonte facendo unha cunca coas dúas mans. Azaleas brancas e frescas nun valo. Que saibas, ninguén nos aprendera a escoitar as sabias verbas das plantas. Tense dito que falan un idioma escuro e misterioso. E sempre pensaches que túa nai coñecía secretamente esa linguaxe, pois non poderías explicar doutro xeito que a observaras case todos os días falando soa entre as flores da horta.

Recordas as encarnadas papoulas nos longos campos de centeo dos Fríos? Erades ben pequenos cando se vos ocorreu preguntar por que sangraban tanto e un compañeiro de máis idade ca vós deuvos unha resposta que vos deixou mudos: disque era para asustar as arañeiras. Cando regresabades por un carreiro da viña das Barreiras, as estrugas tremían en silencio e rabiosas. Entón o colega maior despistouse e rozounas. Xurou en arameo. Despois inquiriu á ortiga: «Por que picas con tanta intensidade?». Ela respondeu: «Para repeler os abellóns negros». Bosques. Ríos. Regatos. Cantar das fontes. Grelos e nabizas. Legumes que comemos no inverno. Mais só as flores da primavera nos chaman polo noso nome, como dicía o fabuloso Leonard Cohen que facía e fai o amor.

Sentas nun banco do parque, preto dun grupo de mozos e mozas que escoitan música nos seus teléfonos móbiles, e bailan e cantan. De súpeto, decátaste de que levas anos escoitando unicamente cando estás só a túa estraña e espiñenta música, a que coleccionaches con tantísimo esforzo. E que algo semellante fixeches coa túa colección de himnos e cancións memorábeis e inesquecíbeis. «Quen máis quen menos, todos fomos enchendo o noso particular fardel musical e sempre o temos á man», musitas debaixo da verde enramada.

De súpeto, decátaste de que é venres. Día 8 de maio. E vénche á cabeza un feito memorable. Nesta mesma data, pero en 1945, tivo lugar a rendición da Alemaña nazi en Berlín. Daquela, sobre unha Europa desgarrada, xurouse diante do mundo: «Nunca máis!».

A promesa selada por todo Occidente, a día de hoxe saltou en centos de anacos e ninguén parece lembrarse dela. Estoupou coma se fose un globo de feira nunha morna tarde coma esta de primavera.

Neste momento, a nación que todos chamaban a locomotora de Europa, parece descarrilada. Semella querer reverdecer antigos loureiros belicosos e anuncia que pretende conformar unha nova e potente Wehrmacht para garantir a seguridade do continente ante a posible agresión (paranoia?) de Rusia. En calquera caso, Alemaña, e outras nación con ela, parecen ter esquecido que foi hai só 81 anos cando tivo que baixar a caluga. Talvez lle guste. E todo isto desenvólvese con toda naturalidade nun espazo no que predomina e reina a máis absoluta indiferenza. De feito, seguindo o ronsel dos dirixentes da UE, nós convertémonos en cómplices dun xenocidio de libro, o que cometeu o Estado de Israel en Gaza.

Cae o atardecer sobre a arboreda. Rapaces e rapazas sorrín, cantan e bailan. «Dourada mocidade!», murmuras con nostalxia. Permaneces un instante calado. Abstraído. Espertouche unha voz sedutora para che dicir: «Cando a memoria histórica do Holocausto se transforma nunha ferramenta de dominio para un Estado, en vez de empregarse coma unha arma para combater o mal, úsase como escusa para practicalo impunemente, sen ter que dar conta diante de ninguén. Como no seu día fixeron os nazis e como teñen feito os israelís en Palestina, coa colaboración de case todo Occidente, mentres miramos para outro lado».

Aquela vella promesa europea de nunca volver repetir a terrible masacre da Segunda Guerra Mundial, hogano é unha simple quimera.