Noia programa literatura, música e cine para celebrar o Día das Letras Galegas
BARBANZA
As actividades comezarán o día 15 coa proxección da película «Antes de Nós»
06 may 2026 . Actualizado a las 18:06 h.A concelleira de Cultura do Concello de Noia, Chelo Martínez, presentou a programación especial co gallo do Día das Letras Galegas, un conxunto de actividades pensado «para que toda a veciñanza, independentemente da idade ou dos seus intereses, poida celebrar esta xornada». Martínez destacou que a aposta se centra nunha oferta variada que combina cine, literatura, música e espectáculos familiares co obxectivo de converter a vila nun punto de encontro participativo.
Os actos darán comezo o venres 15, ás 20.30 horas, no teatro Coliseo Noela coa proxección do filme Antes de Nós. A cinta, centrada na vida de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, chega á localidade despois de obter 13 Premios Mestre Mateo. O sábado 16, á mesma hora, a literatura tomará o relevo no segundo andar do Casino coa presentación do libro A parte fácil, do autor noiés Ismael Ramos. A obra inclúe o relato A lebre, recoñecido co Premio O. Henry.
A xornada do 17 de maio concentrará o groso da programación. Ás 12.00 horas, a Alameda acollerá unha ofrenda floral ante os bustos de María Mariño e Antón Avilés de Taramancos. Quince minutos despois, Serafín Marcos intervirá na porta do claustro do Concello coa peza Begoña Caamaño, a voz das mulleres silenciadas, en homenaxe á escritora.
A música e o lecer marcarán o resto do día. Ás 13.00 horas actuará o grupo Jaitas Blues na Alameda, espazo que ás 19.00 horas recibirá a Peter Punk co seu espectáculo de circo Con lingua propia, dunha hora de duración. O broche de ouro ao domingo porao o dúo formado por Soledad Vidal e Aurelio Viribay, ás 20.30 horas, no Coliseo Noela con Cantares atlánticos, unha proposta que fusiona vídeo, escena e concerto.
Un encontro de corais, organizado pola Polifónica de Noia, pechará a programación o sábado 23, ás 20.00 horas, no teatro municipal. Segundo subliñou a concelleira, esta iniciativa reflicte o compromiso coa «promoción da lingua e da cultura galega, pero tamén coa creación de espazos de convivencia arredor da cultura».