A asociación ADMR Castelao reclama un monumento nacional en Rianxo acorde á dimensión do legado do polifacético artista

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Bravo, Bustelo, Penas e Ordóñez, nun momento da xuntanza.
Bravo, Bustelo, Penas e Ordóñez, nun momento da xuntanza.

O colectivo presenta á Deputación e ao Concello un proxecto integral para saldar a «débeda con Castelao» na súa vila natal

06 may 2026 . Actualizado a las 10:01 h.

A casa consistorial de Rianxo acolleu unha reunión de traballo institucional para analizar o estado do patrimonio local e propoñer novas vías de posta en valor da figura de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. No encontro participaron o deputado provincial de Contratación e Patrimonio, Xosé Luis Penas Corral; o alcalde do municipio, Julián Bustelo, e representantes da asociación Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, encabezados polo seu presidente, Xosé Bravo; o secretario, Xusto Ordóñez, e o vogal Benito Miguéns.

O colectivo lembrou que «Galicia segue en débeda con Castelao» e reclamou a creación na súa vila natal dun monumento nacional acorde á dimensión do seu legado. A entidade considera que as iniciativas existentes na actualidade —o monumento ubicado no paseo da Ribeira promovido pola emigración e a escultura da rotonda da zona de Té— son meritorias pero resultan insuficientes para reflectir a importancia histórica, política e cultural do intelectual.

Un proxecto integral

A proposta estratéxica presentada contempla un proxecto arquitectónico integrado na contorna que incluiría unha praza pública para actos institucionais, un monumento escultórico de gran formato e paneis interpretativos organizados por etapas vitais. O espazo contaría ademais con recursos dixitais, como códigos QR e audioguías, para servir como ferramenta educativa e potenciar o turismo na comarca.

Para a súa execución, a entidade propón un proceso estruturado que comece cunha declaración institucional e a creación dunha comisión interadministrativa, seguido dun concurso público de ideas e unha dotación orzamentaria por fases. A memoria técnica entregada subliña fitos de Castelao como o seu liderado no exilio como presidente do Consello de Galiza en Bos Aires ou a súa etapa como ministro no Goberno da República.

Patrimonio etnográfico e exposición de 1986

Durante a reunión, a asociación presentou tamén unha diagnose do patrimonio cultural e arqueolóxico das seis parroquias de Rianxo. Fíxose especial fincapé no castro de As Cercas, en Isorna, cuxa posta en valor estaba prevista nun plan provincial do ano 2018 no marco do Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro. Así mesmo, analizouse o estado de conservación de hórreos, muíños, cruceiros, mámoas e petróglifos do municipio.

Como segunda liña de actuación, o colectivo expuxo a recuperación da exposición itinerante organizada polo Ministerio de Cultura en 1986 co gallo do centenario do autor. A proposta inclúe solicitar a custodia da versión galega da mostra, composta por 95 paneis, reeditar o catálogo e garantir que percorra Galicia anualmente. Ademais, suxiren a creación dun certame literario anual sobre a figura de Castelao para achegar o seu legado ás novas xeracións.