Comecartos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

Imagen de archivo de un camarero con una bandeja con cafés en un bar.
Imagen de archivo de un camarero con una bandeja con cafés en un bar.

Afortunadamente, aínda quedan refuxios onde se vive a hostalería de antes, onde se bota unha risada con quen está ao lado e se contan historias que non caben no Google

05 may 2026 . Actualizado a las 10:25 h.

O tipo de establecemento hostaleiro do século pasado era ben distinto do actual, e seguro que tamén será moi diferente do que nos agarde no futuro. Nos bares de antes todos se coñecían, interactuaban e facían da conversa un oficio: quedaban para xogar partidas de dominó ou de cartas, tomaban varios chatos e arranxaban a vida dos demais, comentaban o futuro do lugar e as obras en curso. Falaban alto, discutían moitas veces por parvadas interesantes e concibían o bar como un centro social onde se redimían as penas e onde a alegría tapaba os desgustos.

Hoxe foi substituído polas máquinas comecartos, viños rápidos e ollos pegados á televisión, case sempre con fútbol de fondo, e polos individuos afincados nas esquinas da barra consultando o móbil. Se están na mesa, tamén portátil e wifi, como se fose un despacho disfrazado de bar. A interacción persoal dilúese, a conversa auténtica desaparece e o bar, que antes era comunidade, convértese nun refuxio tecnolóxico onde cada quen vive no seu propio mundo.

Afortunadamente, aínda quedan refuxios onde se vive a hostalería de antes, onde se bota unha risada con quen está ao lado e se contan historias que non caben no Google. Mais, conforme van desaparecendo os vellos, tamén van desaparecendo esas dinámicas, e os bares vanse transformando, case sen decatarnos, nunha copia fría, onde o espírito galego de conversa, humor e veciñanza se dilúe entre decibelios de tele e sinais de wifi. Se non coidamos estas capelas da vida local, pronto só nos quedarán fotos e lembranzas para contarlles aos netos como se vivía de verdade.