A candidatura de Zernadas de Castro para as Letras Galegas suma apoios

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

<span lang= gl >Os asistentes ao acto sumáronse cunha foto á campaña promocional posta en marcha nas redes</span>
Os asistentes ao acto sumáronse cunha foto á campaña promocional posta en marcha nas redes

O Concello de Lousame celebrou un novo encontro en Tállara e anuncia «un acto potente» para o 17 en Fruíme

01 may 2026 . Actualizado a las 15:52 h.

«Os académicos cos que contactamos dinnos que están recibindo informes con todas as actividades que estamos facendo sobre Zernadas, polo que actos coma este suman e adquiren aínda máis relevancia». Foron as palabras de alento do alcalde de Lousame, Esteban Ares, no acto que tivo lugar na tarde do xoves no local social do Sanguiñal (Tállara) para promover a candidatura do cura de Fruíme ao Día das Letras Galegas 2027. Engadiu que as próximas paradas serán Vilacoba, San Xusto e Lesende, ás que engadiu «un acto moi potente», que terá lugar o día 17 en Fruíme.

O rexedor aproveitou para dar conta dos avances nas reunións que están a manter para conseguir apoios á candidatura de Zernadas de Castro: «Algo que nos destacan é que é moi admirable todo o apoio que hai dende a base á proposta, a implicación dos veciños». Na reunión estaban presentes os tres voceiros municipais de PP, PSOE e BNG.

O alcalde trasladou que «hai moitos académicos que nos din que conseguir un Día das Letras Galegas é moi complicado, pero tamén recoñecen que se llo dedican, sería máis que merecido». Ademais, recoñeceu que «pase o que pase, o traballo vai quedar aí. Só o feito de que cando se celebre o pleno da Real Academia Galega o nome de Zernadas estea alí, se fale del e se debata, xa é un orgullo». Tamén avanzou que, independentemente da decisión final, «Lousame celebrará como se merece o 250 aniversario da morte de Zernadas de Castro».

Esteban Ares insistiu na importancia da campaña posta en marcha: «Queremos que todo Lousame sinta isto como algo colectivo, que nace en Fruíme pero nos une como pobo. Somos un concello moi disperso no territorio, pero temos intereses comúns».

O técnico municipal de Cultura Eduardo Agraso presentou á veciñanza as distintas iniciativas realizadas ata o de agora polo Concello, en colaboración coa asociación veciñal Cernadas de Castro, para poñer en valor a vida e obra do escritor.

Durante a xuntanza tamén se proxectou o vídeo realizado polo noiés Antón Avilés para promover a candidatura de Zernadas de Castro ao Día das Letras Galegas 2027.