Mitoloxía e fantasía unidas na revisión de Adrián Noia da lenda de Pedro da Pontealbar

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Presentación de Pontealbar, de Adrián Noia, na Pobra
Presentación de Pontealbar, de Adrián Noia, na Pobra MARCOS CREO

O autor explicou na presentación da novela no acto de Barbantia na Pobra que buscou poñer en valor ese lugar e toda a toponimia do municipio de Trazo

26 abr 2026 . Actualizado a las 20:38 h.

Coa súa terceira novela, o escritor Adrián Noia fixo realidade unha idea que levaba tempo debullando: levar ao papel unha historia persoal da lenda de Pedro da Pontealbar. A lectura de obras como Vento e chuvia, de Manuel Gago, e intérpretes musicais como Fillas de Casandra o Tanxugueiras axudárono na dirección a tomar. Foi así como naceu Pontealbar, editada por Galaxia e presentada o venres na Pobra da man da Asociación Cultural Barbantia.

  

Cos ollos de Adrián Noia, a lenda reflicte a paixón pola mitoloxía do autor, ao tempo que somerxe ao lector nunha viaxe fantástica ao Medievo cargada de aventuras. Hai tamén no Pontealbar de Adrián Noia unha revisión da lenda, de xeito que o protagonismo recae na doncela Marcela e o conde convértese no antagonista.

Coa obra, o escritor explica que tamén quixo poñer en valor o lugar de Pontealbar e a microtoponimia do municipio de Trazo, no que reside.

A presentación da obra converteuse nunha animada conversa, nun acto no que comezou intervindo a concelleira de Cultura pobrense, Patricia Lojo, quen agasallou ao autor e ás acompañantes coa obra de Daniel Landesa Nenapingüin, gañadora do último certame Carlos Mosteiro.

Tomou despois a palabra Milagros Torrado, secretaria da Asociación Cultural Barbantia, quen agradeceu ao autor que traballara na actualización da tradición galega como unha forma de transmitila ao público adolescente. Ao mesmo tempo, comentoulle ao escritor que necesitaba que a novela acabara como o fai para darlle ese peche perfecto ao círculo do monomito.

Respondendo a preguntas de Milagros Torrado, Adrián Noia destacou o bo recibimento por parte dos adolescentes que tivo a novela, pero precisou que tamén é un libro indicado para adultos. Sobre a súa revisión da lenda, dixo que buscou poñer o foco na protagonista feminina, ultraxada e asasinada polo conde.

Posta en valor

Outra das que acompañaron ao escritor compostelá na mesa foi a tamén autora Ánxela Gracián, quen afondou na necesidade de por en valor as lendas do pobo galego. Indicou que para que un pobo sexa pobo debe ter mitos e historias épicas, pero considerou que tamén se debe recontalas e adaptalas aos tempos.

Todos os presentes na mesa comezaron a partir desta manifestación una conversa arredor de como cambiaron as historias que agora se contan e como acostumamos a tomar o noso como menos valioso e adoptar o foráneo como mellor.

Finalmente, a filóloga Andrea Mosteiro falou do potencial da novela para converterse noutro xénero, sexa o audiovisual ou a novela gráfica. Esta aportación ao diálogo serviu para que Adrián Noia comentase que a novela tiña orixinalmente un mapa para guiar ao lector. Finalmente decidiuse non publicalo porque existían dificultades para encadralo no deseño editorial.

Precisamente, un dos aspectos destacados polo autor é o feito de que na historia de Pontealbar aproveita para recorrer todos os espazos de Trazo respectando os topónimos. Destacou espazos como a Braña do Piñeiro, entre moitos outros do municipio que están cheos de mitoloxía.

Adrián Noia tamén comentou que a banda sonora coa que escribiu o libro foron as cancións de Fillas de Casandra, que axudaron a envolvelo no ambiente mítico.

O acto literario, que tivo lugar no auditorio da biblioteca Victoriano García Martí, rematou lembrando a literatura infantil dos anos 90, poñendo o foco en O merlo de ferro, de Cortizas.