O día dos caraveis encarnados

BARBANZA

MARCOS CREO

Venres, 24 de abril. Camiñas de fronte á ladeira da serra barbancesa nun día alfombrado de pétalos encarnados. De súpeto, evocas un feito histórico do que mañá se cumprirán moitos anos. Rememoras: había moita xente cantando alegremente polas rúas. Non regresastes á pensión até pola noite. Chegastes esgotados, pero contentos. Os nosos veciños portugueses acababan de derrubar o pesadelo que os viña angustiando desde había cincuenta anos. Na decisiva acción houbo algúns mortos (catro). Forxáronse heroes, descubríronse traidores, torturadores e moitos heroes anónimos, aqueles que só cumpriron co seu deber sen realmente reclamar medalla algunha ou os focos da atención pública, pero que recibiron silenciosamente o tributo e o recoñecemento das clases populares, como o daquela señora que levaba un feixe de caraveis para unha voda e, como non podía pasar para o sitio onde estaba o salón de festexos, optou por repartir as flores entre os soldados e a poboación amoreada nas rúas.

Abril, 24. Contemplas como brilla a cara leste da montaña baixo a luz declinante da tarde. Lembras a túa nai morta, un golpe que recibiches uns pasos despois de atravesar o limiar do mes das flores. Chorabas en Santiago sobre o silencio mineral do granito. Nunca te esquezo, musitaches no final do día anterior ao da Revolución dos Cravos. Soa na túa alma Grándola, vila morena, a mítica canción de José Afonso, a que emitiu Rádio Renascença ás 00.25 horas para que as forzas armadas se puxeran en marcha.

Á fronte da gornición de Santarem estaba Salgueiro Maia. O capitán dirixiuse á tropa dicíndolles o que había. Convidou a saír aos que o quixesen seguir e a quedarse aos que non. Todos foron con el.

Salgueiro Maia tiña como misión conseguir a rendición de Caetano, naqueles intres pechado na fortaleza do Largo do Carmo, en Lisboa. Sen mortos. O ditador pediulle ao capitán un oficial de maior rango para entregarse. Chamaron ao xeral António de Spinola. Sacaron o tirano e puxérono camiño do Brasil, caro ao seu desterro. Salgueiro cumpriu o seu cometido coma un militar profesional. Posteriormente negouse a formar parte de partido político algún, como fixeron outros colegas de armas. Tamén renunciou a integrarse no Conselho da Revoluçao. Hogano hai no Largo do Carmo unha placa na súa memoria. Faleceu aos 47 anos.

No medio da pista de terra que divide Xarmea da Agra de Medernán escoitaches a melodía da auga do arroio que arranca en Rego de Mil. Miles de flores silvestres, cores deslumbrantes. Non son aprezadas. Son demasiado fráxiles ou vulgares para que teñan valor comercial, pensaches. Ao aire cálido da media tarde, rememoras episodios da infancia na aldea, territorio ao que regresas cada vez con máis frecuencia. Paréceche natural: «Volves percorrer os antigos camiños e a transitar pola longa etapa da infancia, na que consideras fostes máis ou menos felices, se se pode dicir así. Despois veu a xuventude, a máis dourada e efémera das etapas, e a continuación os días da adultez, un pouco antes de que resplandeza a vellez…», falouche unha voz suave no medio do silencio da tarde anterior á daquel histórico 25 de abril de hai cincuenta e un anos, cando na madrugada lisboeta unha paisana, unha traballadora, repartía os cravos entre os soldados e as xentes acumuladas nas rúas, como símbolos de paz e fraternidade.

Colliches máis tarde cara ao río e antes de tomar o carreiro que vai para Brazos, sentaches fronte da corrente. Lembraches que hai uns anos no mesmo sitio e amparado pola sombra dos salgueiros e amieiros, sentiches que algo escorregaba sobre o espello da auga, que auga non era, nin tampouco era o reflexo prateado dunha troita adurmiñada. Pensaches que talvez se trataba outra vez do espírito das túas queridas irmás e irmáns, que descendían pola canle para darse un baño nas salgadas augas do mar de Arousa. Mais non o sabes.