Emilio García Portosín: «Admiro os vellos mariñeiros que navegaban sen os adiantos de agora»

XERARDO AGRAFOXO

BARBANZA

Abraldes

Sinala que o mar é unha parte salientábel da súa vida

25 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

No mundo cultural da comarca da Barbanza destaca a figura amábel e sinxela de Emilio García Portosín, un prolífico escritor que, dende a súa vila natal, navegou polos mares do mundo. Das súas experiencias mariñeiras, tanto pola ría de Muros e Noia como por outras costas máis afastadas do seu berce familiar, xorde un mundo creativo que se pode ler nas páxinas dos seus libros, na Revista Alameda da Sociedade Liceo e no Anuario de Barbantia. Emilio é un home tranquilo, un paseante solitario polas beiras da enseada de Noia. Un home que se presta con delicadeza para contarnos nesta charla as súas experiencias e inquietudes culturais.

—Como foi a túa infancia na vila mariñeira de Portosín?

—Imaxínate uns anos de posguerra onde se carecía ata do máis elemental, onde homes e mulleres traballaban máis do que podían para daren de comer aos fillos. Case sempre familias numerosas. Podíase dicir que enfermaban traballando, mal vestidos e mal alimentados. Afortunadamente, Portosín sempre foi un porto de mar moi dinámico, con bos patróns e bos mariñeiros e, aínda con barcos e redes que deixaban moito que desexar, souberon saír adiante. Aí estaba a miña infancia.

—Cando comezaches a ir ao mar?

—Aos oito anos, con meu pai. Primeiro por diversión e despois por obriga. A miña colaboración era necesaria para non ter que contratar outro home e pagarlle un quiñón.

—Que significa o mar para ti?

—Sen dúbida ningunha, é unha parte da miña vida. Tantos días, meses e anos sacándolle produto e alimentándote del... Chegas a formar unha simbiose con ese xigante que parece que non te das sen el... nin el sen ti.

—Que aprendiches das túas andainas polas augas da ría de Muros e Noia?

—Coñezo cada areal, cada rocha, cada con, cada allada, cada recuncho. Tendo en conta que algunhas veces pescas con aparellos de arrastre, ten que ser no limpo. Outras veces calas aparellos en pedra. Se queres pescar, tes que coñecer o fondo da ría coma se fose unha leira túa.

—Cando embarcaches para navegar por outros mares?

—Despois de facer a mili. Embarquei na mercante, pero parecía que aquilo non era o meu e decontado me fun á pesca do bacallau. Alí botei uns poucos anos nunha época na que xa se gañaban moi ben de cartos, «para erguer Galicia», aínda que era un traballo de moito sacrificio e a temperaturas moi baixas.

—Que lugares do mundo recordas con máis agarimo?

—Os mariñeiros coma min pouca vida fan nas cidades ou portos como para que as recordes. Pero no mar tamén hai momentos case máxicos, como por exemplo, ver a aurora boreal en Groenlandia, ver poñerse o sol e de alí a pouco saír... ou ver os fogos de San Telmo no medio dunha tempestade.

—Tiveches algunha experiencia dolorosa? Dime algo que quedou gravado na túa memoria

—Tiven algunha experiencia temerosa, como estar no medio dun temporal coa máquina avariada. É terríbel.

—Que cambiarías da túa vida nos anos no mar?

—Nada. Todo estivo no seu sitio en cada momento.

—Que aprendiches daquela época?

—A ser home, a ser compañeiro.

—Cando comezou a túa afección pola escritura?

—Coido que naceu comigo, pois aos oito anos escribín o meu primeiro poema e aos catorce, unha noveliña.

—Fálanos algo da Asociación Mar de Noia.

—É unha asociación necesaria nunha vila coma Noia, para rescatar algo do noso pasado, mirar un pouco pola ría, pola limpeza dos bancos marisqueiros e colaborar co Museo do Mar, do que, sen dúbida ningunha, é a nai.

—Tamén colaboras coa Revista Alameda da Sociedade Liceo.

—Si. E teño que dicir que é unha satisfacción para min que me admitan como colaborador, pois gozo escribindo e deixando anacos dos meus pensamentos nas súas páxinas.

—Cal é a túa relación coa Asociación Cultural Barbantia?

—Cordial. Mágoa que me vexo pouco cos seus directivos, pois non me podo desprazar moito da miña contorna.

—Os teus próximos proxectos literario, cales son?

—Seguir escribindo, tendo en conta que aínda son un mozo.

—A quen admiras do mundo do mar?

—Admiro os vellos mariñeiros que navegaban sen os adiantos de agora, que sen o menor adianto técnico, digamos sen GPS, radar, sonda, nin nada que se lle parecese e, moitas veces, sen compás, sabían en todo momento por onde navegaban. Coñecían os peixes pola ardentía que facían no mar, sabían que tempo se aproximaba pisando a area mollada da praia. E non digamos cando vían catro farrapos de nubes no horizonte, que xa sabían de onde ía soprar o vento e con que intensidade. Eran uns heroes... e unhas enciclopedias.

Ata aquí, as verbas deste home. Un mariñeiro e poeta que non para de agasallarnos coas historias agromadas nas páxinas dos seus libros.

Animado por Avilés de Taramancos

Emilio García Portosín ten editadas as obras: Luces de soños (poesía, 2011), Léxico-Gráfico na Ría de Muros e Noia (historia, 2014), Unha nova odisea (novela, 2015), Escravo e dono do mar (poesía, 2017), Mar na memoria (poesía ilustrada, 2020), De Portosín a Terranova (novela, 2022), Voces inaudibles (relatos breves, 2023), Lendas e maxia na nosa ría (relatos breves, 2024), Fábulas amigas (2025) e A fonte do Santo Oficio (2026).  

Emilio García é un home que se identifica coas súas actividades ao redor do Museo do Mar de Noia, unha idea que comezou co seu admirado Félix González. Un proxecto que se atopa en fase de remodelación dende que as novas autoridades lles confiaran a xestión porque as súas instalacións atopábanse varadas.

A afección pola escrita venlle a Emilio García Portosín dende que navegaba polos diversos mares do mundo: «Estando no barco, aproveitaba o tempo libre para escribir». A afección polas letras vénlle de lonxe a este mariñeiro agora recoñecido como poeta. Asegura que se mergullou no seu mundo ao mesmo tempo que navegaba, cando aínda non cumprira os oito anos.

Tal como se conta nunha reportaxe de La Voz de Galicia: «Emilio García foi xogando coas palabras en diferentes estilos literarios a medida que pasaban os anos. A súa paixón pola literatura levouno a manter contactos con escritores ilustres como Avilés de Taramancos, co que lembra frutíferas conversas: «El sempre me animaba a publicar a miña obra. Dicíame que se escribía e ninguén o sabía era coma se non escribise».

Fonte de inspiración

Cando se aliou con Félix González, a alma mater do Museo do Mar de Noia, a pluma de Emilio García cobrou máis axilidade. O museo converteuse na súa gran fonte de inspiración: «No Museo do Mar atopei un refuxio. Todo o que hai no seu interior lémbrame capítulos da miña vida como mariñeiro. Ata parece que cheira a mar».

Emilio García Portosín publicou no Anuario Barbantia: A invasión de Compostela (2017), Almas que non dan pena (2018), O arco da vella (2019), Reflexións dun señor chamado Oito (2020), Tres mozas de olaría (2022), Tres flores violadas (2023) e Fábulas garcianas (2024).