Historias de fantasía, sagas e coleccións son as preferidas de nenos e mozos
23 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Os libreiros de Barbanza non dubidan á hora de sinalar cara o colectivo que constitúe o público máis fiel, o que tira das vendas: son os máis novos, nenos e mozos que acoden de forma periódica na procura de títulos que son de obrigada lectura nos colexios e institutos, pero que tamén buscan volumes para o seu tempo de lecer. Historias de fantasía, sagas e coleccións son as preferidas.
«Os pais queren que os seus fillos pasen menos tempo diante das pantallas e recorren aos libros. Tamén buscan darlles unha educación máis axeitada, fomentando a imaxinación», sinalan desde El Cisne de Boiro, tratando de explicar a tendencia. Amósanse convencidos de que, en contra do que pode parecer, as novas xeracións prefiren os libros en papel aos electrónicos.
«Aínda que en termos xerais, as vendas son algo inferiores ás do ano pasado no arranque deste 2026, as de libros infantís mantéñense», destacan con satisfacción desde a libraría Cándido rianxeira. Saben da importancia que ten enganchar á lectura ás novas xeracións. Tamén é consciente diso Rosa Tubío, do espazo lector Nobel de Boiro: «Hai bastante xente nova que entra, mira e compra, e iso é motivo de ledicia».
Ademais, a diferenza do que ocorre cos adultos, que se decantan máis polos títulos en castelán, os nenos prefiren o idioma de Rosalía: «Practicamente todo o que se vende para menores de seis anos é en galego», asegura a libreira boirense. Aínda que a partir desa idade recoñece que a tendencia se vai revertendo, durante as etapas de primaria e secundaria mantense a preferencia da lingua nai sobre o castelán.
«Policán» e «Unicornia», entre os títulos máis buscados
Unha serie de libros e cómics que teñen a un policía e un can como protagonistas é a que lidera as vendas das librarías barbancesas no que ao público infantil se refire. Trátase de Policán, unha colección especialmente dirixida a lectores de entre seis e dez anos. Tamén Unicornia, unha sucesión de volumes que abordan temáticas como a maxia, a amizade e a aventura, conta con moitos adeptos desa mesma franxa de idade na comarca.
Entrada a adolescencia, a fantasía é a que manda. Din os libreiros que están a ter moito tirón as colección con coidadas encadernacións, como Anillos y estrellas. As aventuras de Percy Jackson e de Harry Potter, que non pasa de moda, tamén están nos primeiros postos de títulos máis vendidos. E, pola influencia que teñen as redes, os libros asinados por creadores de contidos arrasan.