Os escritores da comarca axudan a encher os andeis das librarías
23 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Terra que veu nacer a grandes plumas, Barbanza segue a ser berce de prolíficos escritores. Concellos e asociacións, nomeadamente Barbantia, levan a cabo de forma periódica actos para dar a coñecer aos novos autores e impulsar aos xa coñecidos, axudándolles a presentar os libros. A produción literaria é imparable na comarca, nutríndose de obras de diferentes estilos, desde prosa ata poesía, pasando por interesantes ensaios. Iso contribúe, segundo sinalan os libreiros, a impulsar as vendas.
En Boiro son moitos os veciños que xa leron Mans que teceron o futuro, o libro que vén de presentar o historiador local Antón Rodríguez Gallardo e que permite coñecer a traxectoria de mulleres do municipio que contribuíron ao seu desenvolvemento.
Desde Porto do Son, Patricia Torrado lanzou Nabka, unha compilación de poemas en galego, castelán, inglés e árabe que denuncian a barbarie que sofre Palestina.
Hai uns día iniciaba unha xira de presentacións Manuel Gago, que tamén ten novo libro. Trátase de Ata que os mares sequen, un ensaio no que o pobrense recolle as singulares conexións que atopou entre Galicia e Escocia.
José Luis Romero, o creador de historias sevillano que é mestre no colexio de Nebra, volve sumar un novo éxito con Querido librero, novela que lle rende homenaxe aos libros. Ocórrelle o mesmo a Rodrigo Costoya, autor compostelán vinculado a Barbanza que ten nova historia: Hijos de Gael. Nela, traslada ao público ao inverno de 1397, para situalo nun bosque da Bretaña.
Segue imparable Aurora Marco, que volveu desenterrar a historia dunha muller que foi silenciada polo franquismo, a de María Vázquez, mestra que impartiu clases na Pobra e foi fusilada no ano 1936.