As intrigas e os premios lideran as listas de vendas de libros en Barbanza

M. X. B.

BARBANZA

Os libros máis vendidos en Barbanza
Os libros máis vendidos en Barbanza archivo

As novas xeracións son as que máis apostan por autores galegos

22 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando se achegan a unha libraría, os lectores de Barbanza buscan fundamentalmente historias de intriga e misterio, así como títulos que son noticia por teren acadado un importante premio literario. Neste sentido, a tendencia na comarca é moi semellante á xeral, sobre todo no público adulto, pois nas novas xeracións percíbese unha clara aposta polos autores que escriben en galego.

En canto aos libros con premio que están entre os máis vendidos en Barbanza, desde as librarías mencionan La península de las casas vacías, de David Uclés, gañador do Nadal. Sonsoles Ónega, pola súa banda, arrastra o gran tirón que acadara con Las hijas de la criada, obra gañadora do Planeta 2023, co seu novo título: Llevará tu nombre. Tamén segue nos primeiros postos Juan del Val, con Vera, una historia de amor.

O mestre do suspense Dan Brown está entre as plumas preferidas dos afeccionados á intriga, aos que non defrauda coa súa recente historia, El último secreto, cargada de enigmas e xiros inesperados. Tamén Gómez-Jurado mantén en vilo aos lectores que se mergullan en Mentira, unha trama de asasinatos acontecidos trala morte do Papa Juan Pablo II.

Entre os títulos máis vendidos nas librarías de Barbanza tamén se atopan Comerás flores, un volume no que Lucía Solla indaga nos espellismos da relacións, nas dificultades do duelo e na amizade como refuxio; e Cuando el viento hable, un drama familias de posguerra co que Ángela Banzas foi finalista do Premio Planeta no 2025.

Ledicia Costas, con Pel de cordeiro; Manel Loureiro, con Cando a tormenta pase ou A porta; e Arantza Portabales, con Asesinato na casa rosa e Beleza vermella son os autores galegos que conseguen atrapar aos lectores de Barbanza que se decantan por textos na lingua nai.