A proximidade das comarcas ao aeroporto internacional de Santiago, que permite a conexión con hubs europeos e rutas internacionais, semella que será a mellor opción inda que se ve sometido a unha perda de pasaxeiros que parece non ter fondo
20 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Como pode afectar ás nosas comarcas a proposta realizada polo Clúster de Turismo de Galicia, baseada na especialización dos aeroportos galegos cara a captar viaxeiros, xa rexeitada polos tres concellos onde se asentan e, parece ser, pola propia Xunta, inda que sobre a súa posición hoxe pode ser así e mañá doutra maneira? En que lugares están Ribeira, A Pobra, Boiro, Rianxo, Noia, O Son, Muros, Carnota, Cee, Corcubión e Fisterra dentro desa clasificación realizada polos expertos que investigaron para o Clúster? A proximidade das comarcas ao aeroporto internacional de Santiago, que permite a conexión con hubs europeos e rutas internacionais, semella que será a mellor opción, inda que se ve sometido a unha perda de pasaxeiros que parece non ter fondo.
A proposta da Xunta de apostar pola captación de rutas a traveso da estratexia de promoción turística en orixe dentro do plan proposto por AENA en colaboración coas deputacións e os concellos, achegando 100.000 euros por ruta captada, non superando dúas por ano, parece unha broma, ao obviar os intereses das compañías aéreas.
A falta dun estudo que analice entradas e saídas de viaxeiros, por número, idade, sexo ou motivos da viaxe, impide ter unha radiografía nítida dos perfís que permita deseñar estratexias de captación. As enquisas do Instituto Nacional de Estatística só recollen datos da ocupación hoteleira, turismo rural e pernoctacións nas provincias e en grandes destinos, pero non inclúen o modo de transporte e tampouco se agregan as comarcas co que por aquí seguiremos fiándonos da intuición. Mentres os alcaldes das dúas comarcas non se fan escoitar.