Na infancia das charamuscas

BARBANZA

ALBERTO LOPEZ

No recollido silencio da aldea respiras o perfume da leña

19 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando eramos nenos contabamos coa protección da bendición dunha humilde e paciente campesiña. Pero cando se enfadaba por non lle obedecer, entón había que fuxir velozmente de xunta dela. Axiña lle pasaba o cabreo. E recuperaba o humor traveso da nena que sempre mantivo dentro dela: aquela que durmía no faiado entre os gatos e os ratos, arrolada polo ronco asubío do vento entre as tellas e as ripas do teito. Pensamos nela cando nos paramos diante da casa, a día de hoxe restaurada, onde se criou baixo a sombra da súa tía avoa.

Cando coa primeira luz da alba entraba na cociña vella, prendía o lume con carozos e catro garabullos de piñeiro. Logo parábase un instante e ficaba pensativa e coa mirada fixa nas chamas que danzaban sobre a parede da cheminea. Todo un ritual. Alí, quieta e muda, parecía escoitar o silencio ancestral que alentaba na alacena desgastada polo tempo e as mans que traballaron a masa para o pan de centeo, a boroa ou as empanadas, sobre a súa tapa de madeira branca, case coma a fariña.

Como labrega responsable, volvía en si axiña: as vacas co seu bruar chamaban por ela desde as cortes suorentas. Era unha das moitas analfabetas da aldea que coñecía a linguaxe da terra, de onde extraía a meirande parte dos alimentos que comían. Outros viñan do mar. Témola acompañado cando nos atardeceres de verán percorría as casas dos veciños coa patela na cabeza, sobre un mulido vello, ateigada de xoubas, tranchos ou pións. Anos despois dúas das súas fillas seguiron esa tradición. Por aquel entón, os homes andaban ao xeito na enseada de Agüeiros e o Bodión, tempada que remataba cando chegaban os primeiros temporais outonais. Mais antes desta faena un tanto crepuscular, na madrugada, falaba coa legoña e as dúas ían para as leiras para arrendar o millo, antes da calor do mediodía. Entendía o seu idioma porque era o mesmo que empregaron as súas avoas para recoller as patacas aló no fondo dos tempos baixo o sol xusticeiro do mes de xullo. Foi o que recibiu en herdanza.

Camiñamos pola corredoira Cega neste claro atardecer de abril. Paras diante da casa dos avós, no Espiño. Como case sempre, recordas a pía que estaba a carón das escaleiras da entrada, pero tamén moi preto do acceso ás cortes do gando. Sentes a ausencia diso que outros chamaban pilón. Séntelo coma se aquel recipiente cóncavo de pedra onde bebían os animais e onde se afiaban os fouciños, deixase un rastro da súa desaparición similar a unha fenda na pel.

Respiras o silencio do granito baixo a luz dun sol primaveral. Gardando silencio veuche á memoria que nunca fuches quen de aprender a linguaxe dos vagalumes, aqueles insectos que iluminaban as silveiras da corredoira Grande polas noites de inverno, cando regresabamos para a casa logo de ir mercar os alimentos que as nosas nais nos encargaban das tabernas dos Cacharros ou de María a Martela. Pola mañá, lembraches que se vos daba moito mellor a gramática das lavercas cando as mirabades navegar por enriba da herba dos prados: un enigmático océano verde.

No recollido silencio da aldea respiras o perfume da leña. Dunha cheminea sae fume. Rememoras as charamuscas da nosa infancia. Na infancia das charamuscas inda non chegaba ás nosas casas a traída da auga. E nós eramos dos que non tiñamos pozo na horta. Mais estabamos rodeados de fontes. Iamos até elas en procesión: a nai diante coa sella na cabeza sobre un mulido, e nós detrás cos baldes collidos polas asas. Calan os agros do Canto, dos Lombos, e dos Fríos cando avanzas polo sendeiriño de Faldexín de Abaixo camiño das Fontaíñas. Pero non se queixan do seu abandono nin da súa soidade. No outro extremo da aldea, no carreiro da fonte dos Ricos, cara ao monte, sentes o calmo alento dos seixos, e o cansazo dos anos.