Referendou o seu compromiso con Barbantia, a Memoria Democrática no Barbanza, a poesía, da que anuncia libro; e co seu neto de sete meses
07 mar 2026 . Actualizado a las 20:22 h.Ninguén podía sospeitar que Manuel Cartea peiteaba 80 anos. Foi Chus Blanco, presidenta de Barbantia, quen avisou de que este pasado venres, o polifacético fillo adoptivo (non oficial) de Barbanza e de Ribeira, en particular, acadaba unha idade que non se corresponde nin co seu físico, nin co seu espírito, nin coa súa memoria, lucidez e capacidade de traballo. Envexa sa incluso para os máis mozos que o admiramos e desfrutamos da súa docencia, do seu saber. Polo tanto, Cartea merecía unha demostración de cariño que se fixo realidade arredor dunha mesa no restaurante Xardín de Ribeira na que os asistentes tiñan un nexo común: Barbantia, asociación coa que o homenaxeado se comprometeu, así como coa Memoria Democrática do Barbanza, a poesía e o seu neto, de só sete meses.
Non esperaba Cartea atoparse co grupo de amigos no establecemento ribeirense o día do seu oitenta aniversario, porque a convocatoria pretendía que fose unha sorpresa, e así foi. Cando entrou no comedor, veuse emocionado e atafegado ao ser recibido co canto de «parabéns para ti, nesta data querida...».
Soños por vivir
Manuel Cartea sinalou, na sobremesa: «Teño a sorte de non sentirme só, porque non hai cousa peor na vida que sentirse só acompañado. Aquí son un máis, un máis, un menos». Como acostuma facer nos seus discursos, colleu a cita «somos o tempo que nos queda», de Caballero Bonald, para retorcer o argumento e sinalar «somos os soños que nos quedan, porque vivir non é suficiente si non tes a capacidade de soñar e de aspirar a facer cousas».
Cartea confesou que aínda ten catro proxectos nesta vida «a estas alturas». O primeiro, con Barbantia, «coordinando, corrixindo, escribindo». O segundo, coa Memoria Histórica «unha enorme asociación que está facendo moitísimas cousas por recuperar a memoria dos que se foron, dos que nos roubaron; dirixida por Carlos Cimadevila, un home tranquilo, pero que está facendo moito pola memoria democrática».
O terceiro proxecto «que sigo lendo e escribindo poesía. Non concibo o mundo sen a poesía». E anunciou que vai sacar un libro de poemas sobre a memoria histórica. «Non é a miña poesía, eu fago outro tipo de poesía, esta é poesía de encarga que hai que facer cinguida a un tema. Probablemente para finais de ano ou principios do próximo».
E o cuarto, e máis importante «gozar do meu neto, Brais. Sete meses. Aínda non me chama avó, pero xa lle quero. Para min é o máis guapo do mundo».
Uns agasallos para garantir que siga activo: un caderno en branco, unha estilográfica, un gravado... e moito agradecemento.