A plataforma Queremos Galego revelará en Noia os avances do proceso «Lingua Vital Xa!»
BARBANZA
O edificio do casino será escenario dunha análise da situación lingüística actual o 11 de marzo
05 mar 2026 . Actualizado a las 14:09 h.A plataforma Queremos Galego continúa a súa folla de ruta por toda Galicia e recala este mércores, 11 de marzo, en Noia. O edificio do casino será o escenario, a partir das 20.00 horas, dun acto comarcal aberto a toda a cidadanía co obxectivo de analizar a situación actual do idioma e presentar os avances do proceso Lingua Vital Xa!
A xornada servirá como antesala á gran asemblea nacional que terá lugar o vindeiro sábado 14 na praza da Quintana, en Santiago, onde se darán a coñecer as conclusións definitivas desta iniciativa en defensa da lingua ante unha situación de emerxencia.
No encontro de Noia participarán tres voces representativas da comarca e do ámbito lingüístico: Marcos Maceiras, voceiro nacional da plataforma Queremos Galego, Rogelio Santos Queiruga, recoñecido mariñeiro e portavoz da plataforma na ría de Muros e Noia, e Maitane Vicente, propietaria da libraría social Ula, da Serra de Outes.
Peche festivo
Máis alá do debate e as intervencións, a organización quere que o acto sexa un punto de encontro festivo e reivindicativo. Por iso, o peche correrá a cargo da formación musical Os Troulas da Barquiña. Para finalizar, os asistentes poderán compartir un tempo de lecer cunha degustación de petiscos.
Desde a plataforma fan un chamamento á participación baixo o lema: «Acude ao punto de encontro. E se todo saír ben?», incidindo na importancia de que a comarca se sume ao movemento en defensa do galego antes da cita clave na capital galega.