Unha marea dorneira con fins solidarios

BARBANZA

Unhas 140 persoas acudiron á cea benéfica impulsada pola Real e Ilustre

03 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Convocadas pola Real e Ilustre Cofradía da Dorna, 140 persoas déronse cita o pasado fin de semana no restaurante Baiuca. Aínda que a diversión entraba nos plans da convocatoria, nesta ocasión o fin prioritario era achegar diñeiro ao fondo solidario da entidade, unha hucha aberta para atender as necesidades que van xurdindo no municipio.

Os asistentes, como non podía ser doutro xeito, degustaron un exquisito menú e, coa sobremesa, chegaron as palabras do presidente, Álex Nespereira, que agradeceu a boa resposta que unha vez máis tivo a chamada. Aproveitou para lembrar a importancia que para a Real e Ilustre ten manter a vertente solidaria coa que empezou a celebrarse a festa.

Logo da intervención do patrón do barco dorneiro comezou o sorteo de regalos. Foron máis de douscentos os agasallos que se repartiron entre os comensais, unha cifra que loxicamente foi destacada por Nespereira, por ser proba da colaboración do tecido empresarial local. Había desde lotes de conservas ata vales para gastar en infinidade de produtos e servizos, tantos que a extracción de rifas se prolongou por máis tempo do que os asistentes quixeran: «Temos que buscar a forma de reducir este proceso de cara a futuras edicións», recoñece o presidente.

Os mellores sombreiros

Un dos momentos máis esperados da noite chegou cando se anunciou a identidade dos gañadores do xa tradicional certame de sombreiros. O primeiro premio foi para David Fernández, que acudiu cun orixinal gorro feito con latas de cervexa e coroado por unha pequena reprodución da carrilana da súa peña, Cajaboi Island. Levou, como vén sendo habitual, un lote de xoias dorneiras.

O segundo premio compartírono un grupo de asistentes que decoraron as súas cabezas coa reprodución dun fondo mariño con peixes, estrelas e polbos incluídos.

Entregados os galardóns cobrou protagonismo DJ Jalaiko, que animou un baile que se prolongou ata as cinco da madrugada. A cita permitiu recadar uns 2.500 euros, coincidentes co número de rifas que se venderon.